A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo deu este venres luz verde á licitación da redacción do proxecto para construír unha nova ponte sobre o río Navia, en Navia de Suarna, despois de que fose derrubada polas intensas chuvias o pasado mes de xaneiro. Trátase dunha infraestrutura situada na estrada provincial LU-P-3501 coa que se pretende restablecer unha conexión que segue cortada desde xaneiro, cando as intensas chuvias provocaron o derrube da infraestrutura existente.
Así o aprobou a Xunta de Goberno nunha reunión na que acordou destinar case un millón de euros a distintas actuacións orientadas a mellorar as comunicacións viarias e a reforzar a colaboración cos concellos da provincia. Diso informou a voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, quen detallou que a elaboración do proxecto para a reconstrución da ponte de Navia de Suarna contará cun investimento de 97.150,62 euros e un prazo de execución de oito meses.
A futura ponte deberá incluír estudos estruturais, hidráulicos, xeotécnicos e ambientais que permitan construír unha infraestrutura moderna, segura e preparada para resistir fenómenos meteorolóxicos adversos. A Xunta de Goberno tamén aprobou dúas actuacións para mellorar o firme de estradas provinciais nos concellos de Mondoñedo e Ourol, cun investimento conxunto superior aos 530.000 euros.
En Mondoñedo destinaranse 255.837,27 euros á rehabilitación de varios treitos das estradas LU-P-3103, que conecta Lindín con Santa María Maior, e LU-P-3106, que une Os Remedios con Romariz por Estelo. Estas vías desempeñan un papel importante na comunicación entre distintas parroquias e co concello de Abadín.
Pola súa banda, en Ourol investiránse 276.688,33 euros na mellora de tres treitos da estrada LU-P-3801, que comunica o núcleo urbano con localidades como O Carme e As Lobeiras. Os traballos incluirán a limpeza de cunetas, a renovación do pavimento con aglomerado en quente e a reposición da sinalización horizontal. O prazo de execución previsto para estas actuacións é de catro meses.
García Porto salientou que estes investimentos buscan garantir que residir en calquera concello da provincia sexa compatible con contar con servizos, boas comunicacións e oportunidades. Neste sentido, subliñou que mellorar a mobilidade tamén contribúe a fortalecer o territorio, fixar poboación e favorecer a igualdade de oportunidades.
CONVENIOS CON LÁNCARA E QUIROGA
No ámbito da cooperación municipal, a Deputación deu o visto e prace a un convenio co Concello de Láncara por valor de 250.000 euros para mellorar camiños municipais nas parroquias de Pedreira, Láncara, Trasliste, Vilar de Toirán, Ronfe e Vilambrán.
As obras contemplan a reparación de desperfectos, a pavimentación, a limpeza de cunetas e a mellora da sinalización, co obxectivo de facilitar a mobilidade da veciñanza e os accesos a vivendas e explotacións agroganadeiras. Así mesmo, a institución provincial asinará un convenio co Concello de Quiroga que inclúe unha achega superior aos 60.000 euros destinada á posta en valor do patrimonio, á promoción turística e á dinamización social do concello.
Entre as iniciativas previstas figura a creación dunha ruta divulgativa sobre a historia da siderurxia do ferro na Toca, a mellora da sinalización dos recursos turísticos locais, a elaboración dun estudo para a recuperación patrimonial do Castelo de Novais e a colaboración na programación das actividades de Nadal.
