InicioMedioambiente e PatrimonioMartín Barreiro explica a nube que separa a Terra Chá da Mariña

Martín Barreiro explica a nube que separa a Terra Chá da Mariña

O lucense e home do tempo da TVE desvela as causas dun fenómeno particular que condiciona o clima de vilas alén da costa cantábrica, incluso na chaira

PUBLICADA O

- Advertisement -

VANESA G. LOURIDO | Velaquí a nube da Mariña Lucense. Capturada desde un avión polo xeógrafo Miguel Pazos. Esta instantánea cenital amosa as nubes de estancamento que fan da costa de Lugo un sitio singular en canto ao tempo.

O meteorólogo lucense Martín Barreiro –que considera A Mariña lucense a costa da súa infancia– explica as causas deste fenómeno. “Na nosa latitude, no verán temos con frecuencia situacións de altas presións (anticiclón das Azores) que xeneran vento do nordés no Cantábrico. Ese vento que sopra do mar xenera unha masa de aire húmido que, en terra, ao verse obrigada a ascender polas ladeiras de formacións montañosas como as do Xistral, arrefría e condénsase dando lugar a unhas nubes de estancamento que non deixan pasar o sol”, detalla.

AS NUBES DE ESTANCAMENTO SON HABITUAIS EN ZONAS COSTEIRAS CON FORMACIÓNS MONTAÑOSAS PRÓXIMAS AO MAR

“Se o vento non sopra moi intenso, a situación pode manterse moito tempo. Horas ou días. A evolución varía en función de distintas circunstancias. Hai ocasións en que comeza a abrir pola parte occidental. Noutras, esas nubes fan que chegue a chuviñar”, engade.

A influencia destas nubes de estacamento exténdese á Mariña interior, na Pontenova ou Riotorto, sen ver o mar, tamén quedan co ceo cuberto.

OROGRAFÍA

O fenómeno –que afecta tamén ao Occidente asturiano– non é exclusivo da zona. Ao longo do litoral cantábrico, prodúcense situacións semellantes, pero a orografía tamén crea nubes de estancamento en latitudes máis insospeitadas como as costas de Málaga ou Cádiz “As nubes acumúlanse a un ou outro lado do estreito de Xibraltar, en función do vento. A diferenza é que alí as temperaturas son máis altas aínda que non luza o sol”, expón.

TEMPERATURAS

A singularidade da Mariña no plano meteorolóxico contrástase cos termómetros. Sábado, 4 de agosto. Un día de temperaturas máximas históricas en Galicia, con alertas en ducias de municipios galegos. Segundo os datos de Meteogalicia, no concello pontevedrés de Arbo rozaron os 44 graos, mentras na costa de Lugo apenas subiron dos 20 graos –a máxima, 22.5 graos, rexistrouse na estación meteorolóxica Pedro Murias, en Ribadeo–.

As diferenzas non son puntuais, nin se limitan a conxunturas de calor extrema. Estes son os datos do último informe mensual publicado por Meteogalicia, correspondentes ao mes de xuño. “As temperaturas máximas no mes de xuño para Galicia foron de 21.3 graos. Os valores máis baixos rexistráronse principalmente na Mariña Lucense e Ortigueira con valores próximos aos 15 graos e os valores máis altos nas comarcas limítrofes cos ríos Miño e Sil e na comarca de Verín, onde a temperatura máxima se achegou aos 26 graos”.

OS BALANCES MENSUAIS DE VERÁNS PASADOS DEMOSTRAN UNHA DIFERENCIA DE TEMPERATURA MEDIA DE ENTRE SEIS E OITO GRAOS

Os balances mensuais de veráns pasados amosan unha diverxencia de valores medios que oscila entre os 6 e os 8 graos.

VENTO DO OESTE

As boas noticias chegan do oeste. “Cando o vento sopra do oeste, na Mariña adoita quedar despexado e soben as temperaturas. Se o vento ven do suroeste, a situación é aínda mellor. Sábeno ben os mariñeiros”, apunta o meteorólogo. E igualmente, hai frontes desfeitas que entran polo Atlántico, que deixan auga nas provincias da Coruña e Pontevedra e, sen embargo, na costa de Lugo non chove”, explica Barreiro.

TEMPERATURAS SUAVES

Do mesmo xeito que resgardan de máximas extremas, as nubes tampouco permiten que a Mariña rexistre temperaturas moi baixas nas estacións frías. Seguindo cos datos rexistrados por Meteogalicia, o pasado xaneiro a temperatura mínima media en Galicia situouse nos 4 graos, mentras que en puntos do litoral mariñao apenas baixou dos 9 graos.

ÚLTIMAS

Ángel Pérez, aos seus 28 anos, perfílase para substituír a María José Gómez na alcaldía de Guntín

Ángel Pérez, concelleiro de Deportes de Guntín, perfílase para substituír a María José Gómez...

O BNG denuncia a situación da sanidade pública na Fonsagrada: atención telemática a maiores e prazas sen cubrir

A deputada do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, presentou unha serie de iniciativas para denunciar a situación...

Denunciados unha ducia de condutores en Lugo por alcoholemia positiva, un deles por cuadriplicar a taxa máxima

A Policía Local de Lugo denunciou este fin de semana a unha ducia de condutores que...

A circulación entre a rúa Armañá e a Praza de Santo Domingo estará cortada desde este martes

O Concello de Lugo informou de que, ante a necesidade de executar as canalizacións...