A Asociación Animalista Libera! é unha Organización Non Gubernamental creada en 2004 en Barcelona. Procura campañas con incidencia política a prol do benestar animal, para deter a impunidade en casos de abandono e maltrato. Estas accións de presión social afectan ás touradas, á xestión das granxas ou, en casos como o de Galicia, a prácticas máis concretas vencelladas coa caza, o encadeamento de animais, ou a avaliación das prácticas nos sectores lácteo, avícola ou cunícola.
O obxectivo último é a creación de políticas públicas contundentes para a protección dos animais. Sobre esta e outras cuestións responde Rubén Pérez, en especial arredor da problemática particular da provincia de Lugo.
Un dos vosos esforzos é a creación dunha mesa provincial para coordinar as accións das diferentes administracións. En que medida podería axudar?
Partimos da base de que existen órganos semellantes noutras comunidades. É o caso da Mesa de Protección Animal de Zaragoza, un consello municipal sen custe para o erario público que desenvolve as campañas para os anos vindeiros; é interesante a nivel de poboación, porque é unha cidade importante que ten similitudes con Lugo na relación entre os barrios urbanos e aqueles máis rurais.
E logo tamén está o exemplo do Consello Municipal de Protección Animal de Barcelona, do que tamén formamos parte, e que avalia situacións de benestar animal no parque zoolóxico, as campañas de esterilización… Amais Barcelona ten unha Oficina Municipal que vehicula estas cuestións.
Nestos consellos soen estar representadas asociacións de veciños, os representantes do goberno e grupos de oposición, entidades protectoras e asociacións animalistas. A idea e procurar consensos, acordos de mínimos cando non unánimes, para resolver estes conflitos producidos por colonias felinas, zonas de esparcimento para animais, etcétera.
Na provincia de Lugo plantexamos isto porque vemos que o goberno provincial está en minoría, o que xera inestabilidade e pode afectar aos vindeiros orzamentos, e por outra banda ignora as propostas de asociacións protectoras ou nós mesmos. Un caso claro é a macrocanceira de Monforte, ou o feito de que un goberno socialista non asuma propostas semellantes ás das Deputacións de Pontevedra ou A Coruña, que convocaron axudas para entidades protectoras.
Existe un limbo legal na protección de animais en espectáculos?
Sempre plantexamos substituír o emprego de animais en festas como o Arde Lucus por outras propostas culturais. Existe un catálogo moi interesante de alternativas: A Coruña e Ferrol puxeron en marcha feiras medievais que xa non teñen ningún tipo de animal. É positivo porque deixan de considerar aos animais parte dunha recreación, parte dun espectáculo. Enriba, moitas partes destas recreacións carecen de sustento histórico.
E atopamos que Lugo, malia ter unha maioría progresista no pleno, non avanzou abondo. Non hai unha Ordenanza de Protección Animal adaptada á nova Lei, e levamos sete meses dende a aprobación.
Sempre houbo moita discusión sobre o uso de animais en circos, e non houbo contundencia do goberno local cando reclamamos que tomaran medidas, ao contrario que outros municipios que aprobaron mocións idénticas e enfrontáronse ao lobby do circo con animais.
Hai unha parálise absoluta na aplicación de programas para o control de colonias felinas, a avaliación de desenvolvemento de políticas continuadas contra o abandono, e nos números se ve que a protectora segue saturada. Coa nova Lei estará máis saturada aínda, e non vemos que o Concello leve a iniciativa en ningún destes casos.
Na nova Lei autonómica, cabalos e poldros en réxime de semiliberdade seguen sen protección específica; nin son silvestres, nin domésticos.
É curioso. A Lei de Benestar Animal excluíu aos équidos coa xustificación de que están baixo outras normas sectoriais. Pero estas normas non mencionan en concreto as prácticas de benestar animal. A nosa campaña procura, ou ben un novo decreto específico de protección equina que recolla as súas singularidades, ou que se reformulen os existentes para incluír estas cuestións. Falamos do emprego do cabalo mostrenco en fincas e terreos da comunidade de montes, pero tamén en espectáculos coma os carruseis.
A Lei de 1993 incluía aos cabalos, pero Medio Ambiente non traballaba nesa materia, que correspondía a Medio Rural por tratarse de gando. Nisto incidimos nas reunións coa Consellería de Medio Rural, porque estes cabalos non sempre son gando, poden estar domesticados ou atravesando santuarios naturais da comunidade. Existen singularidades que os deixan desprotexidos.
Cal é a situación do gando en Galicia?
Faltan inspeccións, consecuencia da falta de persoal e de contundencia das administracións. Denunciamos casos de granxas con pésimas condicións para os animais; que non hai medios para disuadir das prácticas non axeitadas ou de maltrato nos matadoiros, e por iso plantexamos medidas coma as que aplicarán en Francia e Inglaterra, con circuítos de vixilancia pechada que, respectando os dereitos dos traballadores, exercerían de disuasión. Os estudos sobre o trato aos animais nestas instalacións permiten entrever que soe haber prácticas crueis.
Como organización, cuestionamos o emprego de produtos de orixe animal tanto na vestimenta coma na alimentación, e todas as actuacións son tendentes a plantexar cambios nestas cuestións.
A falta de persoal de supervisión é común ás batidas contra o lobo en Lugo.
Estamos nunha folga de axentes medioambientais e forestais reivindicando dereitos axeitados ao tempo no que estamos. Son estes axentes os que teñen que acompañar aos cazadores; axentes aos que a última lei estatal retiroulles a arma, o seu poder de disuasión. Resulta imposible que controlen todas as batidas, tanto as de temporada regular, como aquelas autorizadas de xeito particular contra o lobo, o xabaril e outras especies.
Existe unha progresiva desregulación da actividade cinexética, porque ten detrás un lobby. Na práctica, cazan xabaril durante todo o ano, e non está demostrado que estas actividades sexan beneficiosas para os cultivos e explotacións gandeiras. Carece de sentido e realízase máis como ocio que perseguindo unha medida de conservación, que non é.
Un tema recorrente na provincia é a macrocanceira de Monforte. A Deputación estableceu un modelo dual, co que financia centros mancomunados e administrados por protectoras, pero adica un terzo do orzamento deste ano á construcción da instalación monfortina. Que exemplos debería seguir a autoridade provincial lucense?
En Galicia estase a impor este modelo de macrocanceira. A Deputación de Ourense ten varias distribuídas pola provincia, que financia cun custe ínfimo. Ese custe repercute no tipo de construcción e no benestar dos animais, que é bastante mellorable.
No caso de Pontevedra, conviven varios servizos: protectoras, centros privados, e unha macrocanceira en Armenteira (Meis), que dá servizo a un importante número de concellos e na que constantemente se inviste diñeiro na súa ampliación. Faltan máis políticas preventivas, está claro.
En A Coruña e Lugo está máis aberto o debate, que tende cara este modelo máis barato, en construcción, que mancomunar servizos. Entran en colisión os intereses de determinados alcaldes por ter un servizo practicamente de balde, coa macrocanceira, ou traballar de xeito continuado con políticas de sensibilización e prevención, un modelo de centro de acollida máis cercano para o cidadán e que promovería a saída dos animais.
Porque, na práctica, que os animais estean almacenados na macrocanceira de Monforte implica que poucas persoas doutros concellos farán quilómetros para adoptar un animal, por moito compromiso que teñan.
Se non achegamos ao cidadán esta realidade, haberá unha recollida máis ordeada e rápida, pero afondarase na irresponsabilidade. E hai que rachar co pacto de silencio que existe en moitas comunidades, para comezar de denunciar de xeito efectivo.