O Grupo Municipal Socialista de Rábade votou en contra da aprobación inicial dos orzamentos municipais para 2026 no pleno celebrado este mércores, ao considerar que se trata dunhas contas “condicionadas pola intervención, sen proxecto político e incapaces de responder ás necesidades reais da veciñanza”. O voceiro socialista, Alejandro Martínez Campos, lembrou que estes investimentos “chegan tarde”, xa que deberían terse aprobado antes do remate de 2025, e criticaron que a alcaldesa os presente como “realistas” cando, ao seu xuízo, evidencian a falta de planificación e de capacidade de xestión.
Uns orzamentos condicionados pola intervención
Segundo explicou Martínez, a estrutura das contas está marcada pola situación económica do Concello: “case o 90% do orzamento vai destinado a persoal e a gastos de funcionamento, o que deixa moi pouca marxe para investir e mellorar Rábade”. Martínez salientou que “para presentar estes orzamentos non fai falta un grupo de goberno, abonda cun xestor que pague os gastos correntes e as nóminas do persoal, como fai calquera na súa casa”, subliñando a falta de ambición das contas municipais.
“Son uns orzamentos que non transforman nin planifican, limítanse a cubrir gastos sen pensar na veciñanza nin no futuro de Rábade”, advertiu.
O PSdeG puxo o foco en que as inversións reais apenas representan arredor do 12% do orzamento, cunha parte importante dependente de achegas doutras administracións. Detallaron que dos 175.000 euros previstos en transferencias de capital, 135.000 proceden da Deputación de Lugo, mentres que só 40.000 euros son achegados pola Xunta de Galicia.
“Unha vez máis, queda claro quen inviste en Rábade e quen non. A Xunta segue menosprezando á veciñanza do noso concello”, criticaron, e lembraron que nos últimos tres anos foron os gobernos progresistas da Deputación de Lugo e do Estado os que mobilizaron preto de 1,5 millóns de euros en inversións no municipio.
Durante o pleno, Martínez preguntou polos compromisos do PP da Xunta con Rábade. Segundo explicou, a alcaldesa asegurou que o Goberno galego cumprirá con todo o que se lle solicite, pero sen concretar actuacións nin investimentos. “Se non se concreta nada é moi fácil cumprir as promesas. A fe está moi ben nas relixións, pero nos gobernos municipais de pouco serve”, subliñou o voceiro, quen anunciou que seguirán esixindo explicacións nos vindeiros plenos.
O Grupo Municipal Socialista denunciou tamén a redución do apoio municipal a iniciativas deportivas e culturais consolidadas en Rábade, como o maratón de fútbol sala, o Máster Nacional de Futbolín ou o Festival Entrepontes. Segundo indicaron, o goberno local limita a súa colaboración ás subvencións nominativas, sen asumir outros gastos organizativos. “Non vai haber máis apoio que o que figura nas subvencións pese á relevancia destes eventos para o municipio e a veciñanza merece sabelo”, sinalaron.
Na sesión abordouse tamén a aprobación dun expediente de recoñecemento extraxudicial de créditos, que permite pagar gastos realizados sen consignación orzamentaria. Para o PSdeG, esta práctica evidencia unha “falta de control e planificación económica”, ao recorrer de maneira reiterada a este tipo de mecanismos.
“Estes non son os orzamentos que merece nin os que necesita Rábade. Son unhas contas que non planifican, que non invisten e que non ofrecen solucións á veciñanza”, concluíu Alejandro Martínez.
