Home Lugo e contorna Lugo O Concello de Lugo impulsa a urbanización da rúa Virxe da Soidade

O Concello de Lugo impulsa a urbanización da rúa Virxe da Soidade

0
O Concello de Lugo impulsa a urbanización da rúa Virxe da Soidade

A Xunta de Goberno Local aprobou os proxectos e o inicio da contratación de actuacións de mellora das infraestruturas viarias, cun orzamento base de licitación conxunto de 376.328,45 euros. Entre elas destaca a urbanización parcial da rúa Virxe da Soidade, cun orzamento de 184.591,05 que estaba pendente desde hai anos e que permitirá mellorar a accesibilidade e a seguridade peonil, na contorna do colexio das Gándaras.

Hai que lembrar que a Xunta de Goberno Local do 18 de xaneiro de 2017 xa encomendara a EVISLUSA a elaboración do proxecto, pero a intervención non chegou a executarse. Desde a súa chegada ao Goberno, o actual equipo comprometeuse a impulsar esta mellora e agora dá un paso efectivo coa aprobación do proxecto e o inicio da contratación.

A actuación contempla a construción dunha nova beirarrúa continua e accesible na marxe do colexio, a conexión peonil entre a Calzada das Gándaras e a rúa do Peto, así como unha plataforma específica para a parada do autobús urbano e a instalación dunha nova marquesiña. Tamén se reorganizarán as paradas do transporte urbano e escolar e as zonas de estacionamento.

O proxecto inclúe ademais a adaptación dos pasos peonís, a instalación de pavimentos táctiles, varandas de protección, sinalización e mobiliario urbano, así como a adaptación das redes de servizos e dos sistemas de evacuación de augas. Mellora de camiños nos Silgueiros, San Xoán do Campo, Piúgos e Orbazai A Xunta de Goberno Local aprobou tamén varios proxectos de mellora de camiños incluídos no Plan da Deputación de Cooperación cos Concellos 2026, que suman 191.737,40 euros.

O primeiro, cun orzamento base de licitación de 124.318,43 euros, contempla o acondicionamento do camiño que comunica o Concello de Outeiro de Rei coa N-640, nas proximidades dos Silgueiros, na parroquia de Teixeiro, e do camiño que comunica Portoganoi, Verín e Pacios, na parroquia de San Xoán do Campo. O prazo máximo de execución previsto é de catro meses.

O segundo proxecto, cun orzamento de 67.418,97 euros, permitirá acondicionar o Camiño da Croa, no treito que comunica Toiriz con Casas Novas, na parroquia de Piúgos, e mellorar camiños no lugar de Taboelle, na parroquia de Orbazai. O prazo de execución tamén será de catro meses.

Axudas sociais e participación veciñal

Aprobáronse tamén as bases da convocatoria de axudas para organizacións non gobernamentais de desenvolvemento (ONGD), cun orzamento de 49.000 euros: 40.000 euros para proxectos de cooperación ao desenvolvemento no exterior e 9.000 euros para iniciativas de sensibilización social no municipio.

Aprobáronse as bases para a convocatoria das axudas do ano 2026 para ás asociacións veciñais sen ánimo de lucro para dúas liñas: para apoiar actividades de interese social, participación cidadá, cohesión social, dinamización dos barrios e, outra liña adicada a gastos de mantemento e funcionamento das entidades. A dotación para este capítulo é de 22.500 euros. A contía máxima por asociación será de 2.000 euros, sen superar o 90 % do custo total da actividade.

Fondo Lugo Transforma

A Xunta de Goberno Local aprobou a modificación do contrato de xestión do fondo de capital risco Lugo Transforma a solicitude da propia entidade xestora, Torsa Capital, que pediu reducir o volume máximo de investimento de 13,002 millóns a 8 millóns de euros e axustar o seu compromiso mínimo de investimento de 6 a 4

Torsa Capital xustifica a petición de redución do volume do fondo Lugo Transforma nas circunstancias económicas e orzamentarias que condicionaron o seu funcionamento. En concreto, explica que a reactivación das regras fiscais e as esixencias de estabilidade orzamentaria durante o ano 2024 obrigaron o Concello a modificar e adaptar o calendario previsto de achegas ao fondo. Isto marcou un ritmo distinto no funcionamento do instrumento, acompasado ás sucesivas solicitudes de desembolso e á dispoñibilidade orzamentaria municipal. Neste contexto, cómpre ter en conta a evolución dos remanentes de tesouraría do Concello: ao peche do exercicio 2020 ascendían a 42.749.502 euros, mentres que en 2024 se reduciran ata os 5,3 millóns de euros.

A propia sociedade xestora tamén puxo de manifesto en numerosas ocasións que a configuración inicial do fondo estaba sobredimensionada. Nos informes técnicos se indica textualmente que “se constatou pola sociedade xestora en numerosas ocasións que a configuración do montante do fondo se atopaba nos seus inicios sobredimensionada para a capacidade do concello e da cidade, por multiples circunstancias (poboación, infraestruturas, comunicacións …) de atraer un número suficiente desta tipoloxía de negocios ou proxectos, cunhas condicións mínmas segundo o exposto, que permitisen investir neles”.

O contrato remata o 31 de decembro deste ano e non é prorrogable, tal e como establecen os pregos. Unha vez remate esta etapa, o Concello poderá analizar e deseñar outros instrumentos para favorecer a implantación de actividade económica, o crecemento empresarial e a creación de emprego, obxectivos que forman parte das prioridades do Goberno local. Neste sentido, a modificación tamén permite dispoñer de recursos económicos que poderán destinarse a outras finalidades.

Transporte urbano

A Xunta de Goberno Local estimou parcialmente o recurso presentado por Monbus Urbanos S.A.U. contra a prórroga forzosa do servizo municipal de transporte urbano, mantendo a obriga da empresa de continuar prestándoo, pero recoñecendo a posibilidade de que poida recibir unha compensación económica polos custos derivados desta continuidade.

A decisión debe entenderse no contexto da situación xerada cando a empresa concesionaria comunicou que non quería continuar prestando o servizo. Ante esta circunstancia, o anterior equipo de goberno acordou unha prórroga forzosa para garantir a continuidade do transporte urbano, contra a que Monbus presentou un recurso. A empresa alegaba que non podía negarse a prestar o servizo, pero consideraba que as condicións impostas non o facían viable e solicitaba unha compensación polos sobrecustos.

Os informes dos servizos municipais de Mobilidade e Contratación consideran que cabe contemplar unha compensación económica pola continuidade forzosa, sempre que se tramite un procedemento con garantías e se acrediten de maneira fidedigna os custos adicionais ou as posibles perdas ocasionadas durante ese período.

Así, Monbus deberá presentar, ao remate do primeiro ano da prórroga forzosa, un informe no que detalle os gastos efectivamente soportados e, se é o caso, as perdas producidas. Esta documentación deberá ser revisada e auditada polo Concello, que poderá solicitar á empresa toda a información necesaria para comprobar os datos antes de determinar a compensación que poida corresponder.

Este acordo non implica aceptar automaticamente os sobrecustos reclamados pola concesionaria nin aprobar unha actualización do prezo por quilómetro. A eventual compensación quedará condicionada á xustificación dos gastos e á súa verificación por parte dos servizos municipais. O expediente recolle tamén a necesidade de iniciar coa maior brevidade a nova contratación do transporte urbano, co obxectivo de reducir o período de prórroga forzosa e o risco económico asociado.

“Colores del Mundo”, na rúa San Fernando

No ámbito cultural, delegáronse competencias para axilizar a tramitación do convenio coa Fundación “la Caixa” para instalar a exposición itinerante Colores del Mundo na rúa San Fernando. A mostra estará formada por 42 imaxes de gran formato de National Geographic e está prevista entre o 26 de outubro e o 13 de decembro de 2026.

Persoal

A Xunta de Goberno Local aprobou a atribución temporal das funcións da Xefatura de Sección de Atención Cidadá á unha funcionaria de carreira. Tamén, aprobouse a rectificación dun erro material na identificación profesional dun dos membros do tribunal das probas físicas do proceso selectivo para cubrir 17 prazas de bombeiro/a condutor/a por quenda libre: catro correspondentes á oferta de emprego público de 2023, dúas á de 2024 e once á de 2025.

Adxudicado o contrato de subministración eléctrica do Concello

A Xunta de Goberno Local adxudicou a Naturgy Clientes Empresas, S.A.U. o contrato de subministración eléctrica de alta e baixa tensión do Concello de Lugo, ao presentar a oferta economicamente máis vantaxosa. O contrato terá unha duración inicial dun ano, prorrogable por outro, cun importe anual previsto de 9.465.094,21 euros sen IVE.

Selado da ventá arqueolóxica da rúa Doutor Castro

O Concello de Lugo iniciou este luns os traballos para selar a ventá arqueolóxica da rúa Doutor Castro co obxectivo de solucionar as filtracións de auga que se veñen producindo neste punto e mellorar as condicións de conservación dos mosaicos. Con motivo da execución desta actuación, a Casa dos Mosaicos permanecerá pechada temporalmente do 19 ao 26 de outubro. O peche permitirá realizar os traballos previstos durante este período.

Esta intervención enmárcase nunha planificación máis regular do mantemento das ventás arqueolóxicas da cidade. Para iso, o Concello adxudicou un contrato específico por un importe de 12.100 euros, que permitirá realizar tarefas periódicas de conservación, limpeza e reparación, tanto no interior como no exterior destas instalacións.

Deste xeito, ademais de actuar sobre problemas concretos como as filtracións detectadas en Doutor Castro, o Concello contará cunha ferramenta para atender de forma continuada as necesidades de mantemento destes espazos e mellorar as condicións nas que se preservan os restos arqueolóxicos. Ademais, estudarase un sistema de limpeza adaptado ás características das ventás arqueolóxicas que permita realizar estes traballos evitando o paso de vehículos por riba delas. Con estas medidas, o Concello busca garantir unha atención máis regular ás ventás arqueolóxicas e avanzar na conservación dun patrimonio fundamental para a historia de Lugo.

+ posts

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here