InicioSociedadeXulgan en Lugo un home acusado de intentar matar outro a tiros...

Xulgan en Lugo un home acusado de intentar matar outro a tiros preto das Termas

A Fiscalía pide sete anos de prisión pola tentativa de homicidio e a acusación particular eleva a solicitude a nove; a defensa nega os feitos e reclama a absolución.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Audiencia Provincial de Lugo celebrou este luns a primeira sesión do xuízo contra un home acusado de intentar matar a tiros outro no Camiño de Sisulfes, preto do centro comercial As Termas, en agosto de 2025. A Fiscalía solicita sete anos de prisión por tentativa de homicidio, 18 meses por tenza ilícita de armas e un ano por ameazas. A acusación particular eleva a nove anos a petición pola tentativa de homicidio e súmase ás demais solicitudes do ministerio público. A defensa nega os feitos e pide a libre absolución.

Os feitos ocorreron arredor das 15.40 horas do 17 de agosto de 2025. Segundo o escrito da Fiscalía, o acusado achegouse á vivenda da vítima nun Nissan Almera, acompañado por outra persoa que continúa en paradoiro descoñecido, e disparou varias veces desde a xanela do vehículo. Nese momento, a vítima estaba cun amigo arranxando o coche deste, un Seat León branco. Segundo o relato da acusación, ambos conseguiron refuxiarse na vivenda e evitar os disparos, que alcanzaron a carrozaría do turismo.

O escrito tamén atribúe ao acusado a publicación posterior dun vídeo en TikTok no que presuntamente ameazaba a vítima con volver atacala. A Fiscalía aprecia a atenuante de actuar baixo os efectos das drogas, apoiándose nun informe forense que sinala que consumira cocaína. Ademais das penas de prisión, solicita a prohibición de achegarse á vítima a menos de 500 metros e de comunicarse con ela durante os períodos fixados para cada delito, así como o pagamento das custas procesuais.

A validez dos vídeos de TikTok centra parte da controversia. A defensa pide que non se admitan como proba porque considera que non se garantiu a cadea de custodia nin se realizou unha peritaxe técnica que acredite a súa autenticidade. A Fiscalía e a acusación particular sosteñen que o acusado recoñeceu a autoría e que se lle identifica nas gravacións.

Na primeira sesión declararon a vítima, o home que a acompañaba, dous traballadores das Termas e varios axentes policiais. O acusado acolleuse ao seu dereito a declarar en último lugar. Tanto el como a vítima, actualmente en prisión, chegaron ao edificio xudicial custodiados e en vehículos separados, mentres familiares agardaban nas inmediacións.

Durante a vista, a vítima explicou que mantiña unha relación coa exparella do acusado e apuntou a esa circunstancia como posible orixe do conflito. Tamén relatou unha presunta agresión anterior na prisión. Na sesión mencionáronse outras gravacións difundidas en TikTok, entre elas unha que a defensa atribúe á vítima e considera ameazante, así como o incendio da vivenda do acusado mentres este estaba no cárcere.

O propietario do Seat León declarou que escoitou tres ou catro disparos, pero non puido identificar quen os efectuou. Segundo explicou, foi a vítima quen lle indicou días despois quen podería ser o autor. Unha traballadora da limpeza das Termas tamén asegurou que oíra dous ou tres disparos e relatou que lles negara a entrada á zona de carga do centro comercial. Segundo a versión exposta na vista, tras non poder acceder ao recinto, os dous homes fuxiron cara ao monte e foron recollidos por un familiar.

Os policías mobilizados tras o aviso atoparon varios impactos de bala no vehículo. A vítima facilitoulles información sobre o coche presuntamente empregado polo acusado e o seu domicilio, e este foi localizado e detido posteriormente. O xuízo continuará cunha nova sesión, na que están previstas máis declaracións de testemuñas e a do acusado.

+ posts

ÚLTIMAS

A Deputación de Lugo eleva o seu orzamento para 2027 ata os 155 millóns, case un 15 % máis que este ano

A Deputación de Lugo contará en 2027 cun orzamento de 155.241.120 euros, o máis...

Pontón e Rodil inician a campaña en Lugo pedindo “salarios e pensións dignos para poder chegar a fin de mes”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, elixiu Lugo para iniciar a campaña electoral...

Besteiro critica os “millóns dilapidados” por Feijóo en Lugo en “proxectos fracasados”, como o de Rozas

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou que a historia recente...

Un xulgado de Lugo exime preventivamente a un otorrino de 60 anos de facer gardas médicas por razón da súa idade

O xulgado de instancia de Lugo, praza 1 da sección do contencioso-administrativo, acordou eximir...