Axentes da Policía Local de Lugo detiveron a pasada fin de semana un home como presunto autor dunha tentativa de roubo con forza, despois de ameazar cunha navalla a dous traballadores. Os feitos ocorreron na madrugada do sábado, cando unha patrulla que circulaba pola rúa Conde Pallarés observou dous mozos camiñando detrás dun home. Ao decatarse da presenza dos axentes, os mozos advertíronlles de que o home que camiñaba diante deles levaba unha navalla e intentara entrar nun local para roubar.
Segundo puido comprobar a Policía Local, denunciárase unha tentativa de roubo nun establecemento da Praza Maior, e a descrición do sospeitoso coincidía coa do home que estaban a observar. O individuo levantou a reixa metálica dun establecemento de hostalaría e tentou acceder ao interior, pero foi sorprendido por dous traballadores de seguridade de locais de ocio, que intentaron retelo. Nese momento, o sospeitoso sacou unha navalla e ameazou con “rajalos”. Ante estes indicios, os policías déronlle o alto ao home que camiñaba pola rúa Conde Pallarés e este arroxou unha navalla por debaixo do vehículo policial. Os axentes procederon á súa detención e recuperaron a arma.
DETIDA UNHA MULLER CUNHA ORDE XUDICIAL DE DETENCIÓN
Por outra banda, a Policía Local de Lugo informou da detención doutra persoa na madrugada do domingo. A intervención produciuse por mor dunha forte discusión entre un home e unha muller na rúa Serra de Outes. Cando chegaron os axentes e identificaron as persoas implicadas, comprobaron que sobre a muller pesaba unha orde xudicial de detención en vigor, emitida por un xulgado das Palmas de Gran Canaria, polo que foi arrestada para ser posta á disposición xudicial.