O Concello de Lugo está a estudar as posibilidades de reformular o trazado do carril bici da cidade co obxectivo de corrixir os problemas de mobilidade que está a ocasionar e avanzar cara unha solución que permita compatibilizar o impulso da mobilidade sostible coas necesidades reais dos lucenses.
Con este propósito, o concelleiro de Mobilidade e Obras, Antonio Ameijide, mantivo no Parlamento Europeo, en Bruxelas, varias xuntanzas para coñecer de primeira man as condicións que regulan as actuacións financiadas con fondos comunitarios, as posibilidades de modificar o proxecto e os prazos que deben terse en conta para abordar unha eventual reformulación e incluso supresión de certos tramos por seguridade.
Antonio Ameijide explicou que “o noso obxectivo é estudar todas as alternativas que permitan mellorar o carril bici e corrixir os problemas que está a xerar na mobilidade diaria dos lucenses, algo para o que queremos coñecer que se pode modificar, en que condicións e dentro de que prazos, para tomar decisións con todas as garantías e co máximo rigor, como sempre fixemos”.
O concelleiro de Mobilidade e Obras incidiu en que a modificación do trazado non ten que implicar necesariamente un cambio na natureza nin nos obxectivos fundamentais da actuación.
Neste senso, Ameijide defendeu a necesidade de analizar as posibilidades existentes para adaptar o percorrido ás necesidades da cidade, mantendo a finalidade de favorecer unha mobilidade máis sostible, pero evitando que a súa configuración actual siga causando dificultades aos veciños.
“Modificar o percorrido non significa renunciar á mobilidade sostible. O importante é que a infraestrutura cumpra a súa función, que estea ben integrada na cidade e que sexa compatible coa mobilidade, coa seguridade e coa vida diaria dos lucenses”, sinalou.
Un dos aspectos abordados durante a visita foi o marco normativo europeo que regula a durabilidade das actuacións financiadas con fondos comunitarios. En concreto, analizouse o artigo 71 do Regulamento (UE) n.º 1303/2013, relativo á durabilidade das operacións, que establece determinadas condicións para as infraestruturas e os investimentos produtivos financiados con fondos europeos.
Este artigo contempla a posible devolución das achegas comunitarias cando, durante o período de cinco anos posterior ao pagamento final ao beneficiario, se produzan determinadas circunstancias, entre elas unha modificación substancial que afecte á natureza, aos obxectivos ou ás condicións de execución da operación e que menoscabe os seus obxectivos orixinais.
Por este motivo, dende o Concello de Lugo considérase necesario determinar con precisión o alcance das posibles modificacións e comprobar que unha eventual reformulación do trazado resulta compatible coas condicións da axuda europea. A cuestión fundamental é distinguir entre un cambio no percorrido da infraestrutura e unha modificación substancial que altere a finalidade ou os obxectivos para os que foi financiada.
“O que estamos a analizar é como actuar dentro da legalidade e con todas as garantías. Se podemos adaptar o trazado sen cambiar os obxectivos da actuación, temos a obriga de coñecer as vías que nos permitan facelo e os prazos que temos para tomar unha decisión”, indicou .