InicioLugo e contornaLugoO Lugo Music Festival '26 reúne na cidade música e talento de...

O Lugo Music Festival ’26 reúne na cidade música e talento de diferentes estilos e países

Lugo prepárase para vivir, do 18 ao 22 de agosto, unha nova edición do Lugo Music Festival '26, que chega á súa quinta edición cunha programación que reunirá arredor de 150 músicos, na súa maioría lucenses, entre profesionais e novos talentos

PUBLICADA O

- Advertisement -
Lugo prepárase para vivir, do 18 ao 22 de agosto, unha nova edición do Lugo Music Festival ’26, que chega á súa quinta edición cunha programación que reunirá arredor de 150 músicos, na súa maioría lucenses, entre profesionais e novos talentos. O festival, que conta co apoio do Concello de Lugo, combina concertos, formación e competición, cunha programación que permitirá gozar de estilos moi diversos, desde a música clásica e tradicional ata a música popular urbana  ou jazz.

 

Unha das novidades desta edición será a apertura do Festival, por primeira vez, na Praza Maior de Lugo. Será mañá, martes 18 de agosto, ás 20.00 horas, co concerto inaugural de músicas populares urbanas e tradicionais a cargo da Banda Sinfónica. O resto da programación desenvolverase en espazos emblemáticos como o Círculo das Artes, configurando un percorrido musical por diferentes puntos da cidade.

 

Un certame con participación internacional

 

O Lugo Music Festival ten ademais unha importante vertente formativa e competitiva a través do V Curso-concurso de Dirección Musical, no que participan directores procedentes de diferentes puntos do mundo e que culminará coa elección do mellor director desta edición.

 

Entre os participantes figuran músicos chegados de diferentes puntos de España e de Bélxica, Ucraína ou Londres, entre outros lugares, o que achega ao festival unha dimensión internacional e converte Lugo durante estes días nun punto de encontro para a formación e o intercambio de coñecementos musicais.

 

A dirección desta edición correrá a cargo de Cristóbal Soler, figura de recoñecido prestixio no ámbito da dirección musical, que foi durante unha década director do Teatro Real de Madrid e que actualmente dirixe a Banda Municipal de Valencia.

 

Cinco días de música

 

A programación continuará o mércores 19 de agosto, ás 20.00 horas, no Círculo das Artes, cun recital de solistas con Gerald Vázquez, ao piano, clarinete e arpa, e Iria Estévez, como cantante. O xoves 20, ás 20.00 horas, a Praza Maior acollerá o concerto do Ensemble Xuvenil de Ventos, coa participación de Tabea Graser, que actuará con novo repertorio o venres 21 no Círculo das Artes, ás 20.00 horas, acompañada polo Grupo de Corda e Piano.

 

O festival pecharase o sábado 22 de agosto, ás 20.00 horas, no Círculo das Artes, cun concerto de clausura do Grupo de Corda e Piano. Esta última xornada acollerá tamén a gran final do V Curso-concurso de Dirección Musical, unha mostra de swing con Nati & Jose Swing e a intervención do saxofonista solista Kike López.

 

A programación completarase con ensaios abertos de mércores a venres, permitindo ao público coñecer tamén o traballo de preparación que realizan os músicos. O Lugo Music Festival ’26 ofrece así cinco días de música, formación e talento, combinando a participación de músicos lucenses con artistas e directores procedentes de diferentes países e achegando á cidade unha programación aberta a diferentes estilos e públicos.
+ posts

ÚLTIMAS

Lugo estrea por fin a súa nova estación intermodal: 49 millóns de investimento e unha reivindicación pendente

Lugo dá un paso importante na modernización das súas infraestruturas de transporte coa entrada...

Feridas dúas persoas nunha colisión entre dous vehículos no Corgo

Os condutores de dous vehículos implicados nunha colisión na estrada N-V, ao seu paso...

Axenda teatral do Circuíto de Teatro Profesional da Vicepresidencia da Deputación

Continúa a dinámica axenda teatral dos concellos de Lugo dentro do Circuíto de Teatro...

“Esta é a violencia laboral que vivimos”: a CIG denuncia presións, ameazas e problemas de saúde na banca galega

A perda de dereitos laborais, o descenso dos salarios e as presións para acadar...