InicioLugo e contornaLugoO PSOE de Lugo esixe a Candia deixar de bloquear pagamentos a...

O PSOE de Lugo esixe a Candia deixar de bloquear pagamentos a provedores

Os socialistas reclaman á alcaldesa que use o mesmo sistema empregado para o Arde Lucus

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Grupo Municipal Socialista acusou hoxe a Elena Candia de actuar con absoluta arbitrariedade na xestión dos reparos de legalidade, despois de levantar mediante decreto os correspondentes ás facturas do Arde Lucus mentres segue mantendo bloqueados os pagamentos por valor de 2,7 millóns de euros a 542 provedores. O concelleiro socialista Jorge Bustos instou á rexedora a aplicar exactamente o mesmo procedemento ao conxunto dos expedientes pendentes e abandonar unha estratexia que, ao seu xuízo, só responde á vontade de prolongar un relato político que xa non se sostén.

Bustos lembrou que o Grupo Municipal Socialista leva semanas reclamando que Candia resolvese administrativamente a discrepancia formulada pola Intervención, levantase os reparos e ordenase o pagamento das facturas pendentes. “Foi exactamente iso o que fixo agora co Arde Lucus. A diferenza é que durante semanas preferiu trasladar esa responsabilidade ao Pleno antes que asumir unha decisión que lle correspondía como alcaldesa”, afirmou.

O edil socialista sinalou que a resolución asinada pola propia rexedora evidencia que o procedemento que defendía o PSOE era perfectamente viable desde o primeiro momento. “Durante semanas intentouse facer crer á cidadanía que era necesaria unha iniciativa política no Pleno para desbloquear esta situación. Agora comprobamos que, cando a señora Candia quere, resolve a discrepancia formulada pola Intervención, levanta os reparos e ordena os pagamentos mediante decreto. Iso é exactamente o que lle levabamos pedindo desde o primeiro día”, asegurou.

Para Bustos, esta decisión desmonta tamén o discurso que o Partido Popular mantivo durante anos arredor dos reparos de legalidade. Segundo explicou, a rexedora “segue rodeando esa palabra e refuxiándose en expresións como ‘resolución da discrepancia formulada pola Intervención’, cando o resultado administrativo é exactamente o mesmo: levantar un reparo para poder pagar unha factura”. Ao seu entender, “o curioso é que ese procedemento agora é válido cando o asina a señora Candia, pero durante anos intentaron presentar esa mesma actuación como algo pouco menos que irregular cando gobernaba o PSOE”.

O concelleiro socialista quixo deixar claro que o Grupo Municipal Socialista non cuestiona en absoluto o pagamento das facturas do Arde Lucus. “As asociacións que participaron na festa fixeron o seu traballo e teñen dereito a cobrar. Iso é o que sempre defendemos: que quen presta un servizo ao Concello debe cobrar en tempo e forma. Precisamente por iso non se entende que a señora Candia aplique ese procedemento nun expediente e siga mantendo bloqueados os pagamentos doutros 542 provedores que tamén cumpriron coa súa parte”.

Ao seu xuízo, a cuestión xa non admite máis escusas. “Se este era o procedemento correcto para pagar as facturas do Arde Lucus, tamén debe selo para desbloquear os pagamentos por valor de 2,7 millóns de euros que seguen retidos. A chave está unicamente na vontade política da señora Candia”, advertiu.

Finalmente, Jorge Bustos reclamou á rexedora que deixe de utilizar os reparos de legalidade como unha ferramenta de conveniencia política e aplique o mesmo criterio a todos os expedientes pendentes. “Os provedores non poden seguir sendo reféns dunha decisión arbitraria. Gobernar tamén consiste en asumir responsabilidades e pagar o que o Concello debe. Despois do decreto do Arde Lucus, a señora Candia xa non ten ningunha escusa para seguir mantendo bloqueados estes pagamentos”, concluíu.

+ posts

ÚLTIMAS

O PSdeG de Lugo asegura que “os informes independentes desmontan o relato de descontrol” que levou a Candia á alcaldía

A portavoz do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, puxo en valor os resultados...

A Deputación abre a vía para desbloquear a Casona do Incio

  A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, avanzou este martes que a institución...

O Concello de Lugo inicia o diálogo coas traballadoras do SAF de cara á mellora do servizo

O Goberno de Lugo mantivo unha primeira reunión co comité de empresa do Servizo...

A Deputación colabora co Agrocuir de 2026 para un rural diverso, libre e inclusivo

  A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou...