O Pleno do Concello de Lugo aprobou este xoves o nomeamento do xornalista Fernando Ónega como Fillo Adoptivo da cidade, unha distinción que contou co respaldo dos grupos municipais do PP e do PSOE, mentres que o BNG se posicionou en contra. O acto oficial terá lugar o vindeiro 7 de agosto, ás 18.00 horas, no Círculo das Artes.
A iniciativa, promovida por unha proposta cidadá que reuniu máis de 1.000 sinaturas, contou tamén co apoio de entidades como o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Asociación da Prensa de Lugo.
No ámbito das infraestruturas, a corporación municipal acadou a unanimidade para esixir ao Ministerio de Transportes unha limpeza integral e a reparación dos danos da Ponte Branca, así como a posta en marcha dun plan de mantemento periódico.
Do mesmo xeito, todos os grupos acordaron reclamarlle ao Goberno central a eliminación dos pasos a nivel no municipio para incrementar a seguridade e mellorar a mobilidade. En materia normativa, o Pleno deu luz verde á ordenanza que regula a Zona de Baixas Emisións (ZBE), que incluirá un período de adaptación dun ano para a veciñanza.
Tamén se aprobou o regulamento do Auditorio Fuxan os Ventos e o novo Regulamento de Funcionamento Interno do Comité de Seguridade e Saúde. Por outra banda, a sesión plenaria validou o aboamento de 542 facturas pendentes, o que supón un desembolso de 2,7 millóns de euros por servizos e traballos realizados, algúns deles datados en 2023.
