A mellora da atención turística ás persoas visitantes concretouse tamén na ampliación do horario do quiosco de información turística da Praza Maior durante o inverno. O Concello aprobou a modificación do contrato para que este punto permaneza aberto de 10:00 a 18:00 horas, entre o 15 de outubro e o 31 de maio, atendido por unha persoa do servizo de información turística. A medida incorpora 1.832 horas anuais adicionais e supón un incremento de 39.745,79 euros, IVE incluído.
A Xunta de Goberno Local aprobou tamén o expediente para adquirir unha nova pickup 4×4 equipada con guindastre e cesta elevadora, destinada aos servizos eléctricos do medio rural. O vehículo será de nova fabricación e primeira matriculación e contará con mantemento preventivo e revisións periódicas incluídos no contrato. A operación contempla tamén a retirada do antigo vehículo municipal e ten un gasto autorizado de 104.998,96 euros.
Actuacións para rehabilitar edificios e axustar as licenzas á documentación
No ámbito urbanístico, a Xunta de Goberno Local propuxo conceder licenza para a reestruturación integral do edificio situado no número 16 da rúa do Progreso. O proxecto, cun orzamento de 437.893,14 euros, prevé catro vivendas, ademais de espazos non residenciais e unha oficina. A intervención deberá contar co correspondente control arqueolóxico.