O Concello de Lugo comprometeuse este venres a iniciar este verán o proxecto para crear un novo campo de fútbol de céspede artificial no barrio de San Fiz, nunha leira municipal anexa ao campo de rugby, que tamén se renovará. Trátase dunha actuación conxunta que contará cun investimento estimado de 500.000 euros, tal e como adiantaron a alcaldesa, Elena Candia; o concelleiro de Deportes, Damián Carballo, e a edil non adscrita María Reigosa.
O primeiro paso será a licitación da redacción do proxecto técnico que definirá esta nova infraestrutura deportiva nunha parcela de titularidade municipal.
A actuación contempla a construción dun campo de fútbol de céspede artificial de última xeración, a instalación dun módulo de vestiarios completamente equipado, o peche perimetral do recinto e a colocación dun sistema de iluminación que dará servizo tanto ao novo terreo de xogo como ao actual campo de rugby. Ademais, o proxecto inclúe a dotación de novos vestiarios para a instalación de rugby, co obxectivo de mellorar os servizos e a funcionalidade deste espazo deportivo.
Durante a presentación, Elena Candia destacou que a nova infraestrutura permitirá reforzar a práctica do deporte basee na cidade e ofrecer mellores condicións de uso por centos de nenos e mozos que participan nas diferentes competicións e escolas deportivas.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes explicou que a medida responde á elevada demanda que rexistran actualmente as instalacións municipais. Segundo indicou, en Lugo desenvolven a súa actividade 14 entidades deportivas de fútbol e canteira, que suman 138 equipos de distintas categorías e ao redor de 3.000 licenzas federativas.
Carballo lembrou que a cidade dispón na actualidade de cinco campos municipais de fútbol, “que soportan unha intensa actividade diaria”, tanto para adestramentos como para competicións oficiais. “Esta elevada ocupación provoca dificultades para atopar horarios dispoñibles e limita a capacidade de crecemento das entidades deportivas”, subliñou.
O responsable de Deportes precisou tamén que as melloras previstas no campo de rugby permitirán dotar a esta instalación de novos servizos, especialmente en materia de iluminación e vestiarios, favorecendo o desenvolvemento da actividade deste deporte, debido ás carencias actuais.
A concelleira María Reigosa destacou que a iniciativa nace do diálogo mantido polo Goberno municipal cos clubs da cidade e que a necesidade de ampliar as instalacións deportivas xa fora trasladada polas entidades nun encontro celebrado o pasado mes de xuño.
Reigosa sinalou que o aumento do número de nenos e nenas que practican fútbol, así como o crecemento dos equipos e clubs deportivos, fai necesario ampliar a rede de infraestruturas municipais. Neste sentido, afirmou que o novo campo de San Fiz permitirá “atender unha demanda histórica” do tecido deportivo local e contribuír a desconxestionar os actuais espazos de uso municipal.
Xunto a eses dous campos queda baleira polo momento outra parcela municipal de grandes dimensións que podería ocuparse con outra instalación deportiva, pero aínda están a estudar o seu destino á espera do proxecto da USC coa Consellería de Educación para construír un pavillón na zona.
