InicioPolíticaO PSOE provincial denuncia que o PP oculte o seu abandono na...

O PSOE provincial denuncia que o PP oculte o seu abandono na atención a maiores con acusacións á Deputación

As e os socialistas lembran que os centros de día son competencia exclusiva da Xunta de Galicia e acusan ao PP de Lugo de seguir instalado na mentira e nas malas artes da política

PUBLICADA O

- Advertisement -

O PSdeG-PSOE provincial de Lugo considera unha nova mostra de oportunismo político as declaracións realizadas polo Grupo Provincial do PP sobre a residencia de Trabada e lembra que os centros de día son unha competencia exclusiva da Xunta de Galicia, administración gobernada polo Partido Popular, que leva anos sen asumir plenamente as súas responsabilidades na planificación e prestación deste servizo esencial.

As e os socialistas explican que a rede pública de residencias da Deputación naceu precisamente para corrixir un déficit histórico de prazas residenciais na provincia, provocado pola inacción da Administración autonómica. “A Deputación deu un paso adiante onde a Xunta do PP non chegaba, asumindo un esforzo económico e de xestión extraordinario para garantir atención ás persoas maiores. Pero iso non significa que a institución provincial teña que asumir tamén todas as competencias que lle corresponden exclusivamente á Xunta”, sinalan.

Neste sentido, consideran “especialmente grave” que o PP intente facer crer á cidadanía que a Deputación está a renunciar aos centros de día, cando é o propio Goberno galego o responsable da planificación da rede pública de servizos sociais especializados.

Dende o PSdeG subliñan que “o PP de Lugo segue instalado na mentira e nas malas artes da política” e advirten de que “o máis preocupante é a concepción que ten do sistema público de protección social”. Neste sentido, critican que o Partido Popular “intente facer pasar á veciñanza por ignorante, confundindo deliberadamente as competencias de cada administración para esconder que é a Xunta a que leva anos inhibíndose das súas obrigas”.

As e os socialistas lembran que a prioridade do ente provincial sempre foi garantir o correcto funcionamento das residencias e adaptar os seus espazos ás necesidades asistenciais existentes, decisións que responden a criterios técnicos e de eficiencia na prestación dos servizos.

A formación insta ao PP de Lugo a esixir ao Goberno galego que cumpra coa súa responsabilidade en materia de centros de día e dependencia, “en lugar de intentar converter á Deputación no chibo expiatorio da falta de compromiso da Xunta co sistema público de atención ás persoas maiores”.

“O que realmente evidencia esta polémica é que o Partido Popular renuncia unha vez máis a reclamar á Xunta aquilo que é da súa competencia e prefire utilizar ás persoas maiores como arma política. A cidadanía merece rigor, non campañas de desinformación”, conclúen.

+ posts

ÚLTIMAS

O PSOE aposta por converter a estación de autobuses actual nunha residencia de maiores

O portavoz do Grupo Municipal Socialista de Lugo, Miguel Fernández, presentou este xoves unha...

Confirman cinco anos de prisión para un profesor que agrediu sexualmente unha alumna de 9 anos

A Sala do Civil e o Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia...

O Concello de Lugo apoia a recuperación do cuartel de San Fernando sen afectar ao Museo da Romanización

Esta primeira intervención no edificio inclúe actuar sobre a envolvente do edificio, recuperar espazos...

II Xornadas de Análise do Pensamento Galego dedicadas a Ramón Piñeiro en Lugo

    A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, participou hoxe no acto de presentación das II...