O pleno do Concello de Lugo aprobou este xoves por unanimidade unha serie de acordos, entre os que destacou o nomeamento de Mariano Castiñeira Vilaseca como Fillo Adoptivo da cidade. Médico e deportista, falecido en 2020, Castiñeira deixou unha profunda pegada en Lugo pola súa profesionalidade, o seu compromiso coa sociedade e a súa calidade humana.
A proposta contou co apoio do tres grupos con representación municipal -PP, PSOE e BNG-, mentres que a concelleira non adscrita non participou no debate. Durante as intervencións, todas as formacións coincidiron en destacar a súa traxectoria persoal e profesional, así como os méritos que xustifican esta distinción honorífica.
Tamén foron aprobados por unanimidade e sen debate outros asuntos incluídos na orde do día, como a adhesión do Concello de Lugo á Asociación Nacional de Centros Europeos de Empresas e Innovación Españois (ANCES), a incorporación ao convenio coa Fegamp para o desenvolvemento da administración dixital, a declaración de utilidade pública dunha licenza para unha explotación gandeira no rural e un estudo de detalle para a agrupación de parcelas na Rolda.
Así mesmo, saíron adiante catro modificacións orzamentarias destinadas a subvencións nas áreas de Deportes, Cultura, Arde Lucus e Servizos Sociais. Estas propostas foron aprobadas coa abstención de PSOE e BNG.
O debate económico centrouse nunha quinta modificación orzamentaria impulsada polo Goberno local, que contempla un incremento de fondos para persoal co fin de abonar a carreira profesional acordada na Mesa Xeral de Negociación, así como unha ampliación das partidas destinadas ás festas de San Froilán e a actuacións de dinamización comercial.
Os grupos da oposición cuestionaron esta medida, ao considerar excesivo o reforzo económico para as patronais e mostrar as súas dúbidas sobre a fórmula empregada para realizar estes axustes orzamentarios.
MOCIÓNS
No apartado de mocións, o BNG presentou dúas iniciativas. A primeira, en defensa da atención sanitaria no centro de saúde de Nadela, foi aprobada por unanimidade a pesar das diferenzas entre os grupos sobre a xestión sanitaria en Galicia e no conxunto do Estado.
A segunda reclamaba axilizar a rehabilitación do Pazo de Dona Urraca. Os nacionalistas denunciaron que o proxecto acumula un atraso de tres anos respecto dos prazos inicialmente previstos.
Pola súa banda, o PSOE defendeu unha moción para esixir a elaboración dun plan estratéxico de Servizos Sociais, maior transparencia no financiamento autonómico da dependencia e a fiscalización do Plan de Choque do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), unha cuestión sobre a que a concelleira Ana González Abelleira vén reclamando actuacións desde hai semanas. A proposta foi rexeitada ao contar cos votos en contra do PP e da concelleira non adscrita.
O Partido Popular levou ao pleno tres mocións. A primeira, aprobada por unanimidade, reclama ao Goberno central a execución inmediata da iluminación da rotonda de Nadela e a humanización da contorna da A-6.
As outras dúas iniciativas saíron adiante unicamente cos votos favorables do grupo de goberno. Unha delas solicita axilizar as obras de renovación da avenida Adolfo Suárez e a outra insta á Deputación Provincial a restablecer as brigadas do parque móbil no municipio “de acordo coas necesidades técnicas existentes e baixo criterios obxectivos”. Ambas contaron co voto en contra de PSOE e BNG.
Durante a quenda de preguntas, o BNG interesouse pola situación do proxecto da pasarela peonil que conectará o Parque Rosalía de Castro co Parque Marcos Cela, unha actuación impulsada durante o anterior mandato.
O portavoz nacionalista, Rubén Arroxo, denunciou que o actual Executivo local aínda non aprobou a adxudicación das obras, a pesar de que a Mesa de Contratación xa avaliou a oferta presentada e formulou unha proposta de resolución tras a moción de censura.
Arroxo lembrou que a iniciativa foi aprobada polo pleno en 2018 a proposta do BNG, co obxectivo de conectar ambos os espazos verdes mediante un paso peonil e recuperar a histórica relación entre o parque e o río, interrompida tras a construción da Rolda da República Arxentina.
Ademais, os nacionalistas preguntaron pola situación da parcela situada na confluencia das rúas Montero Ríos e Carril das Flores e presentaron un rogo para dar continuidade ao plan de humanización das contornas escolares. Neste sentido, reclamaron unha actuación na contorna do CEIP Illa Verde, para a que o anterior goberno consignara unha partida de 100.000 euros.
O PSOE, pola súa banda, centrou as súas preguntas na posibilidade de que o balcón do Concello exhiba a bandeira daqueles países que celebren a súa festividade nacional, así como no estado de elaboración do Plan Municipal de Vivenda.
A concelleira non adscrita interveu para interesarse pola situación das facturas pendentes de pago e polo desenvolvemento das actuacións previstas para a rehabilitación do barrio da Milagrosa.
A sesión plenaria concluíu coa aprobación dunha declaración institucional unánime con motivo da celebración do Día Internacional do Orgullo LGTBIQA+.
