A nova xunta de goberno local do Concello de Lugo deu luz verde este luns a un primeiro paquete de medidas e licenzas, entre as que figura, como a máis destacada, a ampliación do IES Muralla Romana, un proxecto promovido pola Xunta de Galicia cun orzamento de 1.609.930 euros.
A intervención permitirá ampliar en case 900 metros cadrados o centro educativo para dar resposta ao incremento da matrícula de Formación Profesional, tal e como explicou a alcaldesa, Elena Candia.
A obra contempla a demolición dunha edificación existente e a construción dun novo volume de tres plantas, conectado ao edificio actual mediante corredores en cada nivel.
O novo espazo incluirá aulas, departamentos de profesorado e áreas de apoio, ademais dunha escalinata de comunicación vertical entre plantas. O deseño manterá a estética do edificio orixinal, con fachada de ladrillo e sistema de illamento térmico SATE, ademais de cubertas a dúas augas e planas nas zonas de conexión.
No ámbito urbanístico, tamén se aprobou a licenza para a rehabilitación de apartamentos turísticos na rúa do Miño, cun investimento de 275.590 euros, unha actuación que o goberno local enmarca na recuperación do centro histórico e a dinamización turística e económica da zona. Así mesmo, corrixiuse un erro nunha licenza relativa á construción dun edificio de 37 vivendas na unidade de actuación CS-1.
En materia de infraestruturas, adxudicáronse dúas obras relevantes: o reforzo do firme na glorieta da avenida Benigno Rivera coa avenida Infanta Elena e as súas conexións coa N-V e a A-6, á empresa Canarga SL por 123.450 euros, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e resolver problemas de drenaxe na contorna do polígono do Ceao; e a mellora da pavimentación no núcleo de Castro de Conturiz-San Amaro, adxudicada a Ovisa por 121.605 euros, financiada a través do plan provincial de cooperación cos concellos de 2025.
PROXECTO NOVO NORTE
Neste último apartado deuse luz verde a unha nova organización do equipo de traballo do proxecto Novo Norte, co fin de adaptalo á nova estrutura municipal derivada do decreto de áreas do actual goberno local.
Esta reordenación indica que será a concelleira Cristina Sanz a que se ocupe agora mesmo de supervisar ao equipo de traballo, como responsable de Fondos Europeos. Tamén como responsable actuará a xefa de servizo Isabel Villamor, que xa tiña responsabilidades no proxecto, xunto ao resto de funcionarios que continuarán no mesmo para a xestión de fondos europeos en mobilidade na zona norte da cidade.
Fóra da orde do día, tamén se adxudicou a subministración de combustible para calefacción e grupos electrógenos municipais á empresa Codisoil por 47.249,88 euros, regularizando un servizo que ata agora viña abonando mediante reparos administrativos.
A alcaldesa subliñou que o obxectivo do goberno municipal é normalizar a xestión de contratos e servizos que carecen de cobertura legal adecuada, “avanzando cara a unha maior seguridade xurídica na administración local”.
