InicioSociedadeA Deputación renovará o plan que ofrece asesoramento sociolaboral gratuíto a veciños...

A Deputación renovará o plan que ofrece asesoramento sociolaboral gratuíto a veciños sen recursos

O ano pasado beneficiáronse do servizo un total de 64 persoas.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Deputación de Lugo vén de anunciar que renova a colaboración que “garante un servizo gratuíto de asesoramento sociolaboral a persoas sen recursos”. Así o fixo público o presidente provincial, José Tomé Roca, logo de asinar co presidente do Colexio de Graduados Sociais un convenio por 25.000€ para o financiamento desta prestación, da que se beneficiaron o pasado ano 64 veciños e veciñas da provincia en situación de vulnerabilidade.

A aportación fará posible o mantemento do servizo gratuíto de información e asesoramento sociolaboral pensado para veciños e veciñas da provincia con escasos recursos. O plan, activado en marzo do ano pasado, conta cun equipo de 92 profesionais do Colexio de Graduados Sociais.

Dende o órgano provincial valoraron moi positivamente a prestación, que contribúe “de maneira importante á xustiza social e á igualdade de oportunidades”, valores “cos que estamos firmemente comprometidos, e máis agora diante dunha crise económica provocada pola pandemia sanitaria. Queremos que ninguén se quede atrás”, subliñou o Presidente.

Nesta liña, Tomé Roca fixo fincapé na importancia de continuar prestando este servizo a persoas con dificultades económicas ou en situacións de vulnerabilidade que carecen dos medios necesarios para acceder a un asesoramento xurídico. “Ante a crise sanitaria da Covid-19 é preciso que desde as administracións públicas cooperemos co resto de asociacións e entidades para facer fronte ás necesidades de todos os veciños e veciñas da provincia, superando do mellor modo posible un panorama complexo”, remarcou o mandatario provincial.

INSCRIPCIÓN E FUNCIONAMENTO

O Colexio Oficial de Graduados Sociais de Lugo traballa de forma coordinada cos departamentos de Servizos Sociais de todos os concellos da provincia que lle trasladan a esta entidade as diferentes consultas dos usuarios.

As persoas interesadas en empregar este servizo poden solicitar unha cita previa expoñendo o motivo da consulta e a zona da provincia cubrindo o formulario colgado na páxina web deste entidade. Posteriormente establecerase unha data para a reunión na sede do Colexio ou nas diferentes oficinas habilitadas en cada partido xudicial.

Entre as cuestións que se poden consultar figuran xestións relacionadas con estranxeiría, prestacións da Seguridade Social, xubilacións, viudedade, orfandade, pensións non contributivas, reclamacións salariais, dereitos ou deberes na relación laboral, entre outras cuestións xurídico-administrativas.

ÚLTIMAS

O Family Cash pechado ao detectarse unha praga de ratos continuará pechado por orde xudicial

A maxistrada do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Lugo rexeitou este venres a solicitude...

Reabre o supermercado pechado temporalmente por presenza de ratos

O supermercado Family Cash situado no centro comercial de Abella, en Lugo, clausurado temporalmente...

Seguen hospitalizados 3 dos 6 intoxicados con deterxente nunha pulpería de Lugo durante o San Froilán

Tres das seis persoas que tiveron que ser ingresadas a pasada fin de semana...

Dous detidos por furto de móbiles durante as festas do San Froilán

Investigacións levadas a cabo por membros da Brigada de Policía Xudicial da Policía Nacional...