InicioLugo e contornaO Campus de Lugo alcanza xa os mil novos estudantes e apunta...

O Campus de Lugo alcanza xa os mil novos estudantes e apunta a uns 3.400 alumnos este curso

A USC mantén aberta a matrícula en tres novos prazos e prepara do 14 ao 27 de setembro as xornadas #BenVidaUSC con actividades culturais, deportivas e de benestar

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) chegou xa aos mil estudantes de novo ingreso cando aínda quedan tres prazos de matrícula por diante, segundo avanzou este xoves a reitora da institución académica, Rosa Crujeiras. De manterse estes datos, a comunidade estudantil universitaria na cidade situaríase arredor das 3.400 persoas durante o novo curso.

Crujeiras deu a coñecer estas cifras durante unha visita ao Pazo de Montenegro, en Lugo, con motivo da presentación das xornadas #BenVidaUSC, unha programación deseñada para recibir o alumnado que se incorpora aos campus universitarios en setembro.

A reitora asegurou que o proceso de matrícula avanza a un ritmo “moi ben” e apuntou que os resultados provisionais son “sensiblemente mellores” que os rexistrados o curso pasado. Con todo, evitou cuantificar por agora unha posible subida do número de estudantes ao quedar aínda abertas varias convocatorias.

Os aproximadamente mil novos ingresos acadados ata este momento representan unha cifra próxima á do pasado ano. A Universidade agardará ao remate dos seguintes períodos de matriculación para dispoñer dun balance definitivo sobre a evolución do alumnado no campus lucense.

DÚAS SEMANAS PARA COÑECER A UNIVERSIDADE MÁIS ALÁ DAS AULAS

Crujeiras presentou tamén, acompañada polo concelleiro de Deportes, Infancia e Mocidade de Lugo, Damián Carballo Méndez, o programa de #BenVidaUSC, que se desenvolverá entre o 14 e o 27 de setembro nos campus de Lugo e Santiago de Compostela.

A iniciativa reúne propostas destinadas principalmente ao alumnado que comeza agora a súa etapa universitaria e pretende favorecer a súa integración tanto no campus como nas respectivas cidades. A maioría das actividades serán de acceso libre e toda a programación terá carácter gratuíto para a comunidade universitaria.

“Queremos que o primeiro contacto co curso non sexa simplemente entrar nunha aula, senón entrar na Universidade”, explicou Crujeiras durante a presentación.

A programación combina cultura, deporte, lecer e iniciativas relacionadas co benestar. Entre as actividades previstas figuran visitas guiadas, propostas de creación escénica e danza, obradoiros de pandeireta e baile tradicional, unha foliada, competicións deportivas e clases de diferentes disciplinas.

Tamén haberá espazos dirixidos ao benestar emocional e ás relacións sociais, ademais de información sobre os distintos recursos que a USC pon a disposición dos seus estudantes, como os servizos de atención psicolóxica, igualdade e acompañamento.

A Universidade busca así que o alumnado coñeza desde os primeiros días as posibilidades que ofrece a institución fóra da actividade estrictamente académica, desde o deporte ou a cultura ata as linguas, o patrimonio, a creación artística ou a participación universitaria.

CONCERTOS EN LUGO E SANTIAGO

A música terá igualmente presenza nas dúas semanas de programación. No Campus de Lugo, Alddara e LG1DO actuarán o 16 de setembro na explanada da cafetería da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría.

En Santiago, a cita musical chegará o 24 de setembro á praza de Mazarelos, cos concertos de LG1DO e Xalundes.

A reitora destacou que o paso pola universidade debe permitir ao estudantado establecer novos vínculos, descubrir espazos e participar na vida social das cidades nas que cursa os seus estudos.

“Unha parte importante da experiencia universitaria tamén se constrúe fóra da aula”, sinalou Crujeiras, quen lembrou ademais que “a universidade non é un espazo illado, o estudantado que chega vive o campus pero tamén vive a cidade”.

Parte das actividades previstas en Lugo están organizadas mediante a colaboración entre a USC e o Concello.

A Universidade xa abriu na páxina web de #BenVidaUSC o formulario de inscrición para aquelas propostas que teñen un número limitado de participantes. O resto das actividades poderán seguirse con acceso libre ata completar a capacidade dos diferentes espazos.

+ posts

ÚLTIMAS

Candia recibe o Cónsul Xeral de Portugal en Galicia para abordar novas vías de colaboración con Lugo

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e o concelleiro de Turismo e Museos, recibiu...

O antigo colexio do Sagrado Corazón xa é dos lucenses trala sinatura hoxe da acta de expropiación

O antigo colexio do Sagrado Corazón volve ser desde hoxe dos lucenses. Desde as...

Lugo formaliza a ocupación dos terreos para o novo centro de saúde do Sagrado Corazón

O proxecto para construír o novo centro de saúde do Sagrado Corazón, en Lugo,...

A ‘XLVIII Semana de Cinema de Lugo’ traerá 130 películas e unha programación paralela do 21 ao 26 de setembro

A 'XLVIII Semana de Cinema de Lugo' celebrarase do 21 ao 26 de setembro...