A cidade de Lugo volverá transformarse na antiga Lucus Augusti do 18 ao 21 de xuño con motivo da XXV edición do Arde Lucus, unha celebración que alcanza este ano o seu vixésimo quinto aniversario convertida nun dos maiores referentes de recreación histórica da Península Ibérica e declarada xa Festa de Interese Turístico Internacional. Serán máis de 300 actividades, para todas as idades, as que se desenvolverán neste catro días intensos.
A alcaldesa de Lugo, acompañada dos concelleiros responsables de área, Javier Vázquez e Damián Carballo, foi a encargada de presentar o programa de actos deste aniversario tan especial, amparada tamén polas 19 asociacións que se converten nas grandes protagonistas da festa e ás que Candia agradeceu “o apoio prestado desde que asumimos a nosa responsabilidade o 7 de maio”.
Durante catro xornadas, miles de persoas chegadas de distintos puntos de Galicia, España e do estranxeiro encherán as rúas do centro histórico ataviadas como romanos e castrexos para participar nunha festa que recrea a vida, os costumes e os enfrontamentos da época fundacional da cidade. A edición deste ano chegará ademais con importantes novidades. Unha das principais apostas será o reforzo da programación musical. O encargado de pechar os actos do 25 aniversario será o músico e musicólogo galego Abraham Cupeiro, que ofrecerá o 21 de xuño un concerto especial na Praza de Santa María. O seu espectáculo permitirá ao público descubrir instrumentos históricos recuperados e sons inspirados en antigas civilizacións.
A música terá tamén un papel protagonista coa actuación de Celtica Pipes Rock!, unha formación europea coñecida por combinar gaitas con rock e metal sinfónico nun espectáculo acompañado de efectos visuais e pirotecnia. A eles sumarase Grimorium, compañía especializada en ambientacións medievais e fantásticas que fusiona música en directo, interpretación e animación escénica.
TRES SESIÓNS DE CIRCO
Outra das grandes novidades será a ampliación do Circo Romano, unha das actividades con maior seguimento dentro do programa festivo. Ante a crecente demanda de público e asociacións participantes, a organización decidiu incorporar tres representacións diferenciadas: unha sesión de tarde e un espectáculo nocturno o sábado e unha función dirixida especificamente ao público infantil o domingo.
Entre os actos máis destacados figuran a chegada das lexións romanas e o aceso do lume sacro de Vesta, que marcarán o inicio da festa o xoves; a Asemblea Galaica e a Declaración de Guerra; a recepción de tropas e tribos estranxeiras; o gran desfile de tropas romanas e tribos castrexas ao redor da Muralla; o Nacemento dun pobo galaico-romano; os bautismos e vodas celtas; as sesións do Senado; o Asalto ao Monte Medulio; as loitas de gladiadores e o apagado do lume sacro, que porá o broche final á celebración o domingo pola noite. Elena Candia anunciou tamén un aumento da actividade na rúa con música, percusión, teatro e os espectáculos itinerantes da man de compañías como Tambukada, Tympana Galaica, Vulcano, Malatitsch, Kaltie, Trip Malabar.
Outros dos cambios son a recolocación dos postos de venda, que pasan a situarse na rúa da Raíña, ou o adianto do desfile dos escolares, que se realizará o domingo pola mañá.
SEGURIDADE DO EVENTO
Elena Candia acudiu á presentación das festas co documento “que acredita a seguridade do evento”, contestando as acusacións da oposición durante a xornada do mércores. Afirmou que non quere “entrar en ningún tipo de crítica” e pediu “actitude construtiva” para un evento “que é da cidade e que non debe ser motivo de crítica política”.
A alcaldesa, que aproveitou para convidar a todos a gozar das festas, agradeceu tamén o apoio prestado polos funcionarios municipais para terminar o programa. “Imos ter unha gran edición do Arde Lucus, a pesar de Jorge Bustos e da oposición”, subliñou, ademais de lembrar que ten previstas mesas locais de seguridade esta semana para “garantir a seguridade en todo momento”. Por outra banda, acusou á oposición de atacar con desinformación, convidando ao PSOE a achegar, pero “sen pór en dúbida elementos tan importantes como a seguridade”.
“O Arde Lucus é da cidade, por iso equivócanse ao metelo no debate político, sobre todo con desinformación e falta da verdade”, subliñou. Elena Candia indicou que aumentou o orzamento para esta edición, “apoiado por un financiamento ordenado e garantido”. O total do orzamento fíxase en torno ao medio millón de euros.
CREACIÓN DUN MUSEO
A alcaldesa aproveitou a presentación deste evento para anunciar a próxima construción dun museo permanente con todos os traballos e información que existe sobre o Arde Lucus, que terá a súa base no MIHL. “Queremos que todo este traballo perdure e que este símbolo da nosa cidade teña permanencia máis aló do catro días das festas”, explicou Elena Candia. Escolleron este edificio, que a alcaldesa cualifica de “infrautilizado”, para darlle unha entidade continua para a exposición do patrimonio in inmaterial da cidade. A previsión é facer exposicións permanentes e ter contido variado, ao que tamén achegarán as asociacións.
