InicioLugo e contornaLugoA Deputación de Lugo asumirá de forma directa o mantemento das zonas...

A Deputación de Lugo asumirá de forma directa o mantemento das zonas verdes en 2027

O Goberno provincial subrogará os 16 traballadores da extinta Suplusa e investirá un millón de euros en melloras na rede viaria.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Deputación de Lugo aprobou na Xunta de Goberno celebrada este venres o inicio do expediente para asumir de forma directa o servizo de conservación e mantemento das zonas verdes de titularidade provincial a partir do 1 de xaneiro de 2027. Esta decisión suporá a subrogación dos 16 traballadores procedentes da extinta Suplusa que na actualidade prestan o servizo a través dun encargo á empresa Tragsa.

A presidenta da institución, Carmela López, e o vicepresidente, Efrén Castro, explicaron que este paso responde a un proceso previo de análise e diálogo co obxectivo de mellorar tanto a prestación do servizo como o funcionamento interno da propia administración. Na actualidade, este servizo préstase mediante un encargo a Tragsa, un modelo en vigor desde 2020 e prorrogado ata o 31 de decembro de 2026, que abarca o mantemento de máis dun millón de metros cadrados de zonas verdes en toda a provincia.

Con este acordo, a Deputación aposta por un modelo de xestión directa que permitirá reforzar o control público e mellorar a eficiencia. Carmela López sinalou que, desde a súa chegada ao cargo, este asunto foi prioritario e que a medida garante a seguridade dos traballadores. Segundo os informes técnicos, a asunción directa non implicará un incremento do gasto; o encargo actual a Tragsa custa uns 950.000 euros anuais, mentres que o custo estimado do persoal sitúase en torno aos 675.000 euros. Pola súa banda, Efrén Castro lembrou que este acordo é o resultado de negociacións “coa man tendida aos traballadores” e beneficia tanto á institución como ao persoal.

OUTROS ACORDOS

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou tamén un investimento superior ao millón de euros para continuar mellorando a mobilidade na provincia. Entre as actuacións previstas figura a rehabilitación da estrada LU-P-1819 en Chantada, cun investimento de 280.000 euros para mellorar máis de 3,7 quilómetros de vía. Tamén se adxudicaron obras no Vicedo, onde se investirán máis de 136.000 euros na LU-P-6405, e na cidade de Lugo, con preto de 100.000 euros para acondicionar a rúa Filarmónica. En Negueira de Muñiz acometeranse melloras en dúas estradas municipais cun investimento de 340.000 euros.

Por outra banda, a Deputación sacou a licitación a compra de nova maquinaria para o Parque Móbil, cun investimento de máis de 160.000 euros para a adquisición dunha mini pa cargadora e unha mini compactadora. Finalmente, desde as áreas de vicepresidencia aprobáronse as bases de convocatorias de subvencións para o sector primario. Cun orzamento de 400.000 euros, estas axudas fomentarán a cría de razas autóctonas, tanto a Loura Galega como outras en perigo de extinción, con achegas de entre 70 e 400 euros por animal que se publicarán a vindeira semana.

+ posts

ÚLTIMAS

Daveiga, a empresa lucense que festexa o ‘Día das Letras Galegas’ cos traballadores

O compromiso co galego da empresa Daveiga, creadora e comercializadora das populares galletas ‘Mariñeiras’, é de...

Centos de persoas protestan en Lugo pola retirada da bandeira palestina do Vello Cárcere tras a chegada de Elena Candia á Alcaldía

Centos de persoas concentráronse este sábado en Lugo para rexeitar a retirada da bandeira...

Elena Candia acompaña á Garda Real en Lugo no seu segundo día como alcaldesa

Elena Candia participou este sábado nos actos organizados pola Garda Real na cidade de...

Candia e Reigosa xuntas en varios actos protocolarios municipais

A concelleira non adscrita de Lugo, María Reigosa, participou este venres en varios actos...