O Goberno galego autorizou a licitación das obras de construción de 152 novas vivendas de promoción pública en Lugo por un importe total superior aos 27,3 millóns de euros. Tal e como trasladou o presidente autonómico, Alfonso Rueda, na comparecencia posterior ao Consello da Xunta, as vivendas construiranse na parcela B2, urbanizada en Garabolas polo Executivo galego, e serán financiadas con fondos propios.
Concretamente, a obra de construción será licitada por 26.456.703 euros, aos que hai que sumar máis de 824.000 euros da redacción do proxecto e dirección de obra, o valor das parcelas e os custos doutros traballos técnicos. Así, o inmoble contará cun total de oito vivenda dun dormitorio, 62 vivendas de dous dormitorios –sete delas adaptadas a mobilidade reducida–, 60 vivendas de tres dormitorios e 22 de catro dormitorios.
VIVENDAS DA ESTRADA
Tamén, o Consello da Xunta deu luz verde á licitación por máis de 4,8 millóns de euros para construír 28 vivendas de promoción pública na Estrada.
