A presidenta da Audiencia Provincial de Lugo, Sandra Piñeiro, sinalou nunha entrevista á Cadea SER que a implantación da Lei de Eficiencia “non terá efectos inmediatos e tardará un tempo en dar os seus froitos e percibirse a mellora”. Piñeiro apuntou que ve “complicado” que os resultados sexan rápidos sen a creación de novas unidades xudiciais. Aínda que o obxectivo é acurtar os tempos de espera, remarcou que isto non se pode facer “á conta da garantía dos dereitos das persoas e a calidade da resposta”.
Respecto á creación do novo xulgado de violencia de xénero, a presidenta da Audiencia afirmou que “non ve posible” a súa posta en marcha antes de finais deste ano. Segundo explicou, non existen datas concretas debido á necesidade de formar aos xuíces que ocupen esas novas prazas. Piñeiro tamén subliñou a importancia de dotar de máis medios á Administración de Xustiza e ao ámbito social para que as vítimas de violencia machista se sintan acompañadas, lembrando que a “cifra negra” en violencia sexual supera o 89% e que a maioría das mulleres asasinadas non presentaran denuncia previa.
Sobre esta falta de denuncias, detallou que a vinculación afectiva co agresor fai o proceso moito máis complexo que denunciar un delito común. Finalmente, preguntada pola condena e o posible indulto ao exfiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, Piñeiro desexoulle “o mellor” ao considerar que desempeñou unha carreira apreciada polos profesionais. Con todo, concluíu que a decisión sobre o indulto corresponde exclusivamente ao poder executivo como exercicio do dereito de graza.
