InicioLugo e contornaLugoA Deputación de Lugo aproba o patrocinio dunha etapa da Vuelta a...

A Deputación de Lugo aproba o patrocinio dunha etapa da Vuelta a España, do Caudal Fest e melloras no Museo Provincial

A Xunta de Goberno tamén dá luz verde á renovación dunha sala do Museo Provincial e varias obras

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres dúas actuacións promocionais e unha importante obra no Museo de Lugo, ademais de continuar desenvolvendo o plan de mellora de estradas da provincia.

Así, deuse luz verde á adxudicación do contrato de patrocinio da Volta a España 2025, coa que a institución provincial colabora con 100.000 euros para financiar o desenvolvemento da etapa 15, que transcorrerá polas comarcas da Montaña e da Ribeira Sacra. A etapa, cun perfil de media montaña, ten un percorrido total de 167 quilómetros que pasan polos concellos da Fonsagrada, Castroverde, Láncara e Sarria, ata chegar á meta, que estará en Monforte de Lemos.

A portavoz socialista do Goberno, Pilar García Porto, destacou que esta colaboración se formalizará coa empresa organizadora, Unipublic, e sinalou que apostar pola Volta “forma parte da estratexia da institución provincial de impulsar o desenvolvemento social, económico e turístico da provincia, mediante a proxección do territorio en eventos de alto impacto mediático e internacional”.

A responsable da Deputación defendeu que o retorno económico deste patrocinio para a provincia é de máis de 3 millóns de euros, “o que significa que cada euro que inviste a Deputación xerará 36,47”.

CAUDAL FEST

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo tamén aprobou o convenio de colaboración co Concello de Lugo para impulsar a celebración da sétima edición do Caudal Fest e para desenvolver un plan de mellora de espazos públicos urbanos na cidade. A Deputación achegará 200.000 euros, o que representa o 40% do investimento total, que é de 500.000, mentres que o Concello asumirá o 60% restante.

O convenio inclúe unha achega de 150.000 euros da Deputación para a execución do Plan Axil durante os anos 2025 e 2026, destinado á renovación e mellora de infraestruturas urbanas, co fin de modernizar e facer máis atractivos os espazos públicos da cidade. Entre as actuacións previstas inclúe a pavimentación de beirarrúas, bacheo de calzadas e renovación de tapas de rexistro; mobiliario urbano e zonas de lecer, por exemplo, a instalación de bancos, papeleiras ou xogos infantís; adecuación de zonas verdes, como a plantación de árbores, ou o mantemento de xardíns; e melloras en accesibilidade.

O acordo inclúe unha achega de 50.000 euros para apoiar un ano máis o Caudal Fest, que se celebrará os días 19 e 20 de setembro na contorna fluvial do río Miño. Pilar García Porto destacou que a colaboración con este festival, xa consolidado como unha das grandes citas musicais do panorama galego e nacional, “encaixa co modelo de turismo polo que aposta a Deputación: de calidade, sustentable, de experiencias e cunha oferta altamente diversificada para atraer visitantes ao longo de todo o ano”.

MUSEO PROVINCIAL

Pola súa banda, os deputados nacionalistas aprobaron este venres a adxudicación do contrato de renovación da Sección de Numismática e Medallística do Museo Provincial de Lugo, situada na sala 10, para expor de forma permanente o sestercio da caetra e mellorar a protección, conservación e comunicación das outras pezas xa en exposición nese espazo, situado no primeiro piso. A intervención adxudicouse por 83.000 euros e cun prazo de execución de tres meses.

ÚLTIMAS

Cae unha rede que extorsionaba homes en webs de citas sexuais

A Garda Civil detivo a unha persoa e investiga a outro catro acusadas de...

Perdera o carné por orde xudicial e seguía conducindo

A Policía Local de Lugo denunciou, por un delito contra a seguridade viaria, a...

Detido en Lugo por agredir á súa exparella na entrada dun local nocturno

A Policía Local de Lugo detivo a un home de 42 anos de idade...

O queixo Don Crisanto, de Vilalba, coroado como o mellor de España en 2025

O queixo Don Crisanto, da Denominación de Orixe Protexida (DOP) San Simón da Costa, elaborado pola...