O Goberno municipal de Lugo prepárase para empezar unha nova etapa este martes, a partir das 19.00 horas, cando se produza a toma de posesión do novo alcalde da cidade, o terceiro deste mandato tras o súbito falecemento de Paula Alvarellos o pasado día 1.
O Goberno local xa anunciou o seu apoio “total” ao primeiro da lista, Miguel Fernández, que xa se apartou anteriormente para ceder o seu lugar a Alvarellos cando Lara Méndez deixou a Alcaldía para unirse á candidatura do PSOE á Xunta. Miguel Fernández, que foi un dos protagonistas durante a misa celebrada esta mañá na Catedral por Paula Alvarellos, vive estes momentos previos ao seu nomeamento “con total normalidade e tranquilidade” pero que espera “con ilusión”.
O pleno extraordinario do martes constará de dous únicos puntos, o primeiro a incorporación do novo concelleiro, Waldir Sinisterra Restrepo, compañeiro de profesión e amigo da alcaldesa falecida. Despois chegará o momento da votación do novo alcalde, onde será elixido Miguel Fernández, salvo sorpresa de última hora.
Miguel Fernández foi elixido o pasado mércores tras unha tensa reunión do equipo municipal de Goberno cos dirixentes socialistas José Tomé e Pilar García Porto, ao día seguinte da finalización do período de loito decretado pola morte de Alvarellos. Agora, Miguel Fernández, que xa conta co apoio dos seus compañeiros de partido, deberá deseñar un plan de Goberno coa repartición das áreas que quedaron en poder dos socialistas na coalición co BNG, porque aínda non adiantou se se manterán a maioría das carteiras ou se farán cambios.
ESTRUTURA DE GOBERNO
Pola súa banda, o nacionalista Rubén Arroxo anunciou que o cinco concelleiros nacionalistas manterán as mesmas responsabilidades que ata agora, con Rubén Arroxo a cargo da área de Mobilidade e Infraestruturas, Maite Ferreiro en Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Alexandre Penas como concelleira de Infraestruturas Urbanas, Cristina López a cargo da área de Participación e Servizos á Veciñanza e Iria Buide á fronte da Concellaría de Educación e Difusión do Coñecemento.
O que foi o alcalde efectivo durante estes días tras o falecemento de Paula Alvarellos, espera que se resolvan rapidamente os trámites burocráticos para “que volva funcionar todo con normalidade”, xa que mentres non se faga o decreto de organización, non hai distribución de funcións e non se pode conformar a Xunta de Goberno Local, “polo que non hai Goberno”.