InicioEconomíaA primeira empresa de análise sensorial de España expándese dende Lugo

A primeira empresa de análise sensorial de España expándese dende Lugo

Maruxa García xunta afición e profesión para ofrecer capacidades únicas no mercado alimentario e farmacéutico a través de Tastelab, spin off da USC

PUBLICADA O

- Advertisement -

Hai media ducia de empresas semellantes no mundo, e ningunha comparable en España. Con base en Lugo, e sedes en Madrid e Miami, Tastelab une a ciencia e os sentidos para desenvolver tecnoloxía de análise sensorial, que permite procesar, cuantificar e analizar informaticamente a cata profesional do produto ou compoñente desexado. Maruxa García, socia fundadora, narrou o seu percorrido na Mesa Talento en Feminino.

Tastelab é unha empresa de alta especialización, do mesmo xeito que Maruxa é unha profesional recoñecida nun eido no que apenas hai “trinta ou corenta persoas” con formación equiparable no Estado. Emancipada aos dezaséis anos, combinou a súa afición pola comida e a habilidade para as matemáticas, estudou Enxeñaría Agroalimentaria e doutorouse en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos.

Análise sensorial

Tastelab

Na Escola Politécnica Superior de Lugo entrou en contacto co estudo da análise sensorial, e “pedía participar en todas as catas” mentres preparaba a tese doutoral e realizaba diversas estancias. Con vinte e cinco anos, Maruxa incorporábase a Tecnalia, a quinta corporación tecnolóxica máis importante de Europa. E con vinte e oito, estaba á fronte do seu propio equipo mentres remataba a tese no tempo libre.

Chegou entón a primeira experiencia emprendedora, a construción dunha aplicación móbil na que rexistrar e compartir os achados de novos alimentos de quen viaxan polo mundo, para innovar despois nas empresas. Así as cousas, a idea de Tastelab colle forma no programa alimentario da Fundación Juana de Vega, onde resulta gañadora e recibe titorización para crear a empresa.

Transmisión de coñecemento

Participantes da Mesa Talento en Feminino | Óscar Bernárdez
Participantes da Mesa Talento en Feminino | Óscar Bernárdez

A Tastelab a compañaron outras tres socias, vencelladas ás asignaturas de análise sensorial no Campus Terra. A propia Universidade mudou en socia, convertendo a Tastelab nunha spin off, e deseguido medraron ata seis os socios. Maruxa recoñece que era posible levar adiante o proxecto en solitario; mais era preciso obter os beneficios dese acompañamento e a seguridade dos asociados para que a empresa medrara rapidamente, o que inclúe contactos en todo o mundo da alimentación (Pescanova, Pepsico) e na industria farmacéutica, que emprega a análise sensorial para evitar o rexeitamento polo sabor dos xaropes.

Dentro do equipo, a única persoa con experiencia na empresa privada era Maruxa. A falta de profesionais cualificados é a principal debilidade de Tastelab, como acontece de cara a innovación e mellorar o apartado tecnolóxico, para o que contan cun grupo inversor. “O talento ralentizou o proceso”, pola dificultade para atopar talento financeiro, administrativo, técnico e comercial.

Protagonismo para a tecnoloxía

A principal aposta de Tastelab levou a trascender a oferta de auditoría e venda para pasar a construír tecnoloxía, con enxeñeiros informáticos, análise de datos e desenvolvemento de intelixencia artificial. Malia que as conclusións dun estudo seguen a depender dun técnico especialista, as posibilidades do machine learning permitirán que sexa a máquina a que traslade as conclusións.

Na actualidade son sete os empregados, e procuran máis xente para facer as prácticas e recibir adestramento para detectar os parámetros do sabor e a textura. Estes especialistas da cata reciben axuda tecnolóxica e colaboran con consumidores en diferentes áreas xeográficos. O catador di por que un produto é exitoso ou non: para iso debe analizar toda a información de análise sensorial, obtida a través do talento propio e a tecnoloxía.

Hai ano e medio que comezou con este proceso de evolución tecnolóxica. “Hai que estar no mundo e non quedar na casa”, di Maruxa, que imparte clases en catro másteres e cada vez gosta máis do proxecto de Tastelab, con base en Augas Férreas. “Hai mercado”, comenta, convencida de que é posible xuntar afición e profesión “se hai vontade de traballo”.

ÚLTIMAS

Arden varios colectores de madrugada na cidade de Lugo

Varios colectores arderon na madrugada deste mércores na Estrada da Granxa, na cidade de...

Ángel Pérez, novo alcalde de Guntín con 27 anos

O pleno do Concello de Guntín elixiu na tarde deste mércores como o seu...

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos depois

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos despois do seu último concerto nesta cidade....

Piden a absolución dun mozo de Vilalba acusado de violar á súa ex parella menor de idade

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo acolleu este martes a celebración do...