O Concello de Lugo incrementará de xeito significativo o seu apoio económico ás entidades do ámbito social cunha nova convocatoria de axudas de concorrencia competitiva que duplicará o seu orzamento, ao pasar de 38.000 a 76.000 euros.
O anuncio fíxoo este mércores a alcaldesa, Elena Candia, durante a sinatura dos convenios das subvencións nominativas con 26 asociacións do municipio. O encontro, no que participou tamén o concelleiro de Política Social e Maiores, Gustavo Díaz, serviu para formalizar as axudas nominativas correspondentes a este exercicio, que ascenden a 286.000 euros, e para presentar as principais novidades que o Goberno local aplicará na xestión das subvencións municipais.
A próxima convocatoria de concorrencia competitiva incorporará tamén unha modificación relevante nas súas bases. Por primeira vez, as entidades que xa reciben unha subvención nominativa do Concello poderán presentar proxectos e optar a esta liña de financiamento adicional, unha posibilidade que estaba excluída nas convocatorias anteriores.
O obxectivo, segundo trasladou a alcaldesa, é diferenciar o apoio ao funcionamento ordinario das asociacións do respaldo a iniciativas concretas. “As entidades sociais realizan un traballo fundamental acompañando moitas persoas e familias de Lugo ao longo de todo o ano. Queremos que dispoñan dos recursos con maior antelación e ampliar as posibilidades de colaboración para que os fondos públicos cheguen a máis programas e necesidades”, sinalou Candia.
Con estas modificacións, o Concello pretende “reforzar” a capacidade de actuación das organizacións sociais lucenses, “tanto mediante o financiamento estable da súa actividade anual como a través de novas axudas destinadas a proxectos concretos de interese social”.
MELLORAS NAS AXUDAS ESTE ANO
Durante a sinatura dos 26 convenios con colectivos, Candia anunciou os cambios incorporados en beneficio dos colectivos. Unha das medidas máis destacadas afecta á súa liquidez, xa que o Concello adiatará o pagamento do anticipo das axudas e elevará a súa contía ata o 80 % da subvención concedida, fronte ao 50 % que se aboaba ata agora.
Segundo explicou o Goberno municipal, este cambio responde a “unha petición reiterada” do tecido asociativo, que reclamaba dispoñer dos fondos con maior antelación para poder facer fronte aos gastos de funcionamento e desenvolver os seus programas sen ter que agardar a final de ano. Ata agora, o primeiro ingreso adoita facerse en decembro. Co novo calendario, as asociacións poderán contar con eses recursos varios meses antes, o que facilitará a planificación das súas actividades e a prestación de servizos aos colectivos cos que traballan.
