A Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo leva tres décadas fomentando o emprendemento, e integra a máis de cento cincuenta empresas na provincia. Co gallo de visibilizar os avances e animar á creación de novas iniciativas, a entidade organizou no CEI Nodus a Mesa Talento en Feminino, expoñendo a experiencia de tres mulleres de moi diversas traxectorias.
Os percorridos de cada unha amosaron o valor das cualidades adoptadas en idade temperá, a importancia de desenvolver a curiosidade e a capacidade de desaprender, así como a necesidade de examinar e experimentar a demanda cambiante no mundo empresarial. E tamén que non existe un único camiño cara a innovación.
Son Noemí Bellas, pioneira de Líbolis, a primeira escola de emprendemento para cativos de Galicia; Maruxa García, socia fundadora de Tastelab, a primeira empresa de análise sensorial de España; e Mónica Pérez, creadora de Triesfera e protagonista desta primeira entrega. Despois de formar parte do Inicia Coworking do Concello de Lugo e a Escola de Organización Industrial (EOI), comparte base no CEI Nodus con LugoXornal, Xornal da Mariña e Xornal de Lemos.
Triesfera, startup de formación e deseño en impresión 3D, é o resultado do sinuoso periplo vital de Mónica. Natural de Paradela, esta enxeñeira industrial de 34 anos non seguiu un camiño fixo cara o emprendemento. Sendo cativa, “destrozaba canda a súa irmá” cada dispositivo que caía nas súas mans para descubrir que agochaba nas entrañas, e compartía este afán coas responsabilidades na explotación familiar de gando vacún.
As orixes serían determinantes á hora de fundar a empresa. Porén, antes tería que percorrer moito mundo para atopar o estímulo axeitado, mudando de eido de traballo cada tres anos como se o seu espírito estivese vencellado a unha fórmula matemática. Mónica recoñece que tivo “preguiza” á hora de entrar ao mercado laboral, polo que decidiu facer a enxeñaría superior e un Erasmus en Dinamarca.
O azar quixo que rematara estudos en plena crise económica global. Entre a precariedade e as becas, atopou difícil escapar do nicho no que comezara a traballar, polo que en 2012 lanzouse á que sería a primeira experiencia emprendedora, o programa europeo Ideas on the roof. Cun proxecto para recuperar o rural en Galicia, acadou o terceiro posto, e despois adicouse a perfeccionar o inglés.
En 2013, a insistencia dunha empresa aeronáutica por contar cos seus coñecementos levouna a Austria, onde obtivo un posto de deseño mecánico. Nun apartado paraxe alpino traballou ata 2016, cando espertou a “vena patriótica”; quería aportar riqueza no país, coa idea de ofrecer un produto de baixo custe e aproveitando as bondades do mercado a través de internet.
Mónica descubrira que o que era o seu traballo ideal convertérase nun máis despois da experiencia. Seguindo eses ciclos de tres anos, ía cambiando “de perspectiva e curiosidades”. Desta vez, e acompañada novamente pola irmá, aprendeu os principios do emprendemento no Inicia Coworking. Ademais de valiosa experiencia laboral, en Austria contactara coa impresión tridimensional por vez primeira.
Deste xeito xorde Triesfera, a conxunción entre a idea dun produto asequible, a ilusión de crear riqueza en Lugo, e o coñecemento adquirido entre Dinamarca, Italia e Austria. “Quedan anos de proba e erro”, di Mónica sobre o proxecto. A aspiración é acadar capacidade industrial para “transformar ideas en realidade” coa impresión 3D, “para calquera tipo de cliente”, incluídas empresas e centros de ensino.
Así, Triesfera ofrece tres vertentes. Primeiro, un servizo de formación que acerca a impresión 3D á pequena e mediana empresa, aquela que non pode custear a tecnoloxía, e que non pode permitirse dispor dun departamento de fabricación propio. En segundo lugar, trátase dunha asesoría de deseño tridimensional que realiza prototipos. Por último, traballa con proveedores que si teñen capacidade de investir en equipamento para impresión a maior escala.
No horizonte, un amplo abano de clientes potenciais, dende a arquitectura á gastronomía. A tecnoloxía actual permite enormes posibilidades na impresión, aínda que o asentamento do negocio levará tempo polo axuste dos custes.