InicioSociedadeInaugurada a nova residencia de Amancio Ortega en Lugo tras duplicar o...

Inaugurada a nova residencia de Amancio Ortega en Lugo tras duplicar o seu orzamento inicial

O novo centro lucense, froito dun investimento de 25 millóns de euros da FAO, dispón de 120 prazas.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, participou este venres en Lugo no acto de entrega da segunda das sete residencias de maiores financiadas en Galicia pola Fundación Amancio Ortega (FAO), que entrará en funcionamento o próximo mes de maio, e destacou o esforzo realizado polo Executivo autonómico para “triplicar” o número de prazas públicas en centros de maiores da comunidade “nos últimos 14 anos”.

Rueda, que estivo acompañado na súa visita á residencia San Antonio de Padua pola conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García; a presidenta da Fundación Amancio Ortega, Flora Pérez; a alcaldesa da cidade, Paula Alvarellos; e outros representantes dos grupos municipal e provincial do PP; agradeceu a “colaboración indispensable” da FAO para acometer un proxecto residencial, subliñou, de “xestión pública” e con criterios de acceso “absolutamente obxectivos”.

“Instalacións como esta son a perfecta demostración e a perfecta evidencia de que cada vez facemos as cousas mellor. Están triplicadas as prazas de residencia nos últimos anos e temos tres veces máis das que había fai 14 anos”, incidiu o titular do Executivo galego en funcións, que avanzou que as residencias inauguradas en Lugo e en Santiago recibirán aos seus primeiros usuarios “no mes de maio” coa previsión de que as construídas na Coruña e Pontevedra estean tamén en marcha “antes de final de ano”.

Alfonso Rueda, que agradeceu tamén, ao termo dunha visita ás instalacións que se prolongou durante case unha hora, aos veciños do barrio da Residencia (lugar onde se atopa situado o novo centro residencial) a súa “loita” para que a zona “tivese unha segunda vida”, definiu a nova instalación como o resultado dun proxecto realizado con “bos materiais, bo deseño e agarimo”.

INVESTIMENTO E EQUIPAMENTO

A nova residencia San Antonio de Padua, entregada este venres á Xunta pola Fundación Amancio Ortega, conta cun total de 120 prazas públicas, que serán asignadas por orde de lista de espera e terán o mesmo custo e o mesmo criterio de acceso que calquera outro centro de maiores de titularidade autonómica.

O centro, no que a FAO realizou un investimento superior aos 25 millóns de euros (case o dobre do orzado inicialmente debido ao encarecemento dos materiais de construción) estará xestionado pola Fundación de Estudos e Análises ‘Fesan’ e disporá de 42 habitacións dobres e 36 individuais provistas de baño privado e accesible.

A nova residencia lucense conta tamén nas súas instalacións, distribuídas nas tres plantas que conforman a edificación, con zonas de atención especializa, podoloxía, fisioterapia, ximnasio xeriátrico e sala de rehabilitación, ademais de dispor de servizo médico, de enfermaría, sala de curas, farmacia, lavandaría ou salón de barbaría.

ÚLTIMAS

Dous irmáns lucenses, promesas do piragüismo español

Un día de semana ás 10:00 horas da mañá en pleno verán, Hugo Argiz e...

O pleno municipal aproba esixir á Xunta que garanta o dereito das mulleres a abortar na provincia

O pleno do Concello de Lugo aprobou este venres, co voto a favor de...

Un conductor ferido grave tras caer por un terraplén no Corgo

O condutor dun vehículo resultou ferido de gravidade tras saírse da vía e caer por un...

Doa sangue e levarás gratis unha entrada para o cinema

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Centro Comercial As...