A alcaldesa de Lugo aproveitou a participación no Fórum Europa para deslizar as primeiras valoracións de cara aos comicios de maio. Lara Méndez considera factible mellorar os resultados acadados en 2015, e amosouse segura sobre o desenlace favorable das causas xudiciais abertas contra ela e o seu predecesor na alcaldía, Xosé López Orozco.
As declaracións de Méndez tralo acto en Santiago de Compostela deixan a porta aberta á inclusión de Orozco na lista electoral. Tanto a rexedora coma o seu valedor político están citados polo caso do cese da letrada municipal, motivo que impediu a Orozco participar na presentación do Fórum Europa. Méndez confía no arquivo deste proceso e do relacionado coa prestación de servizos sen contrato, polo que espera que non teñan impacto nas urnas.
Necesidade de acordos poselectorais
Méndez aínda debe ser ratificada oficialmente pola agrupación local, se ben é certo que carece de contrincantes no proceso interno. Con seis meses por diante, a virtual candidata cre posible aumentar o apoio entre os lucenses, mais adianta que as maiorías absolutas son complicadas nun contexto de diversidade.
As relacións cos socios de investidura atravesan un intre delicado, a pesar do cal parecen condenados a entenderse polo distanciamento do bloque da dereita na corporación local. Todo apunta a que o trasvase de electores producirase entre formacións ideoloxicamente próximas.
Horizonte 2023
Así as cousas, a líder socialista considera a Lugo “unha cidade máis preparada e mellor que hai tres anos”. O modelo de cidade de Méndez ten horizonte en horizonte en 2023, data de finalización da Estratexia Europea de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrador (EDUSI). Entende en dous mandatos o mínimo indispensable para realizar a visión dunha cidade “afable” e “pensada para o peón”, e que ve “á vangarda de Europa” en termos sociais e ambientais.
Méndez atribuíu a xénese deste modelo no traballo de Orozco, a quen agradeceu a súa “altura de miras” por renunciar á investidura e favorecer así un acordo con Lugonovo e Bloque Nacionalista Galego. Evitou confirmar se o exalcalde, “un activo do partido”, formará parte da lista electoral dos socialistas. “Non é o que toca, porque máis que de persoas gústanos falar de proxectos”.