InicioPolíticaO PP asegura que se acelerarán os prazos do proxecto da Residencia

O PP asegura que se acelerarán os prazos do proxecto da Residencia

Os populares presionarán ao Goberno en todas as cámaras para que incorpore a partida orzamentaria da nova comisaría da Residencia

PUBLICADA O

- Advertisement -

Nun acto de nutrida representación, o Partido Popular anunciou unha ofensiva a todos os niveis para reclamar a nova comisaría da Residencia. A formación esixirá do Goberno central a axilización dos trámites dos ministerios implicados, así como a partida orzamentaria correspondente nos vindeiros Orzamentos Xerais do Estado, e que quedara fóra das contas en vigor elaboradas polo gabinete do expresidente Mariano Rajoy. Os populares confían en acelerar os prazos da parte do complexo que corresponde á Xunta logo de sacar a licitación o Centro Integral de Saúde.

Gardado por cargos locais, provinciais e estatais, o alcaldable Ramón Carballo escenificou a “fronte común” coa que queren dar o impulso definitivo á reactivación do barrio lucense da Residencia. O candidato do Partido Popular en Lugo aseverou que tentan “evitar que o Partido Socialista bloquee este importante proxecto por motivos electoralistas”, defendendo que a “Xunta de Galicia leva cumprido ao cen por cen o seu compromiso”. Nesta liña, presionarán en todas as institucións nas que ostentan representación, dende a corporación local ao Senado. Así o ratificaron a presidenta provincial Elena Candia e o senador por Lugo José Manuel Barreiro

Carballo fixo referencia á publicación no Diario Oficial da Unión Europea do anuncio de licitación do Centro Integral de Saúde, por nove millóns de euros (aínda que en varias ocasións fontes da candidatura trasladaron que serían once), o que permitirá “axilizar os prazos de licitación e contratación” do primeiro centro desta clase en Galicia. Esta liña orzamentaria quedará complementada por outra de sete millóns nas contas do ano vindeiro, e que irá adicada ao resto de instalacións da Residencia.

Malia recoñecer que “en principio está previsto que se cumpran os prazos”, Carballo asegurou que os tempos quedarán reducidos pola publicación temperán no boletín comunitario. “Se estaban previstos para fin de ano, esperemos que se poidan cumprir a licitación e a contratación”. O presidente da agrupación local e representante da Consellería de Presidencia en Lugo avanzou que está en proxecto a demolición do vello hospital xeral, polo que agardan “que o poidan presentar antes de fin de ano, tamén”.

Cun discurso máis duro, Candia cominou ao Pleno da Deputación, como tamén a congresistas e senadores de Lugo, a posicionarse no asunto da comisaría. Animou aos seus a “seguir liderando” para “axilizar e concretar” o proxecto da Residencia, “que ten nome e apelidos, foi unha iniciativa do partido que represento”. A líder provincial esixiu desculpas ao seu homólogo socialista, Álvaro Santos, polas formas en que se referiu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cando comentaba os novos orzamentos autonómicos.

José Manuel Barreiro | Óscar Bernárdez

De xeito semellante, Barreiro dixo que descoñecen a posición do executivo central sobre a nova oficina da Policía Nacional, situación pola que rexistrou unha pregunta escrita no Senado, dirixida ao actual ministro de Interior. “Que nos diga se está disposto a manter os compromisos do anterior Goberno. Se non hai contestación, nós adoptaremos outro tipo de iniciativas de impulso dentro da propia Cámara”.

Para o senador, “o fundamental” é que a alcaldesa Lara Méndez e o secretario xeral socialista na provincia Álvaro Santos trasladen a demanda da nova comisaría ao gabinete ministerial. Barreiro asegurou que o compromiso do Goberno saínte quedou reflictido nos Orzamentos, en “partidas de carácter xenérico e se están executando neste momento” que non precisou. “Déronse pasos moi firmes, pero había outras forzas políticas que parecía que lles molestaba”, criticou. 

ÚLTIMAS

O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta alegacións ao proxecto de Altri en Palas e pide máis información

O Colexio oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acordou presentar alegacións ao Estudo de...

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús...

O BNG urxe ao Ministerio de Transportes realizar actuacións na N-6 ao seu paso polos concellos lucenses

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na cámara baixa...

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...