Para o Concello de Lugo, no San Froilán 2018 “triunfou a tradición e a cultura, pero tamén as novas apostas”. A concelleira de Cultura, Carmen Basadre, considerou que a asistencia foi un éxito xeral de toda a programación, salientando o interese do público polas grandes actuacións musicais e os espazos feriais, “que mantiveron a capacidade de convocatoria”. No goberno local están satisfeitos coas cifras de ocupación hoteleira e visitantes.
Os nove días de festas patronais concentraron 280 actividades para todas as idades, aínda que as casetas do polbo ficarán ata o 4 de novembro. Dende o executivo de Lara Méndez presumen dos concertos de Rozalén ou Hombres G, xunto coas orquestras e os grupos de Lugo que protagonizaron as sesións vermú, os pasarrúas e actuacións nocturnas, e mailo Sanfroidance, cualificado de “epicentro da música negra e electrónica”.
Mais onde están particularmente orgullosos é do recinto ferial, polo cheo na programación infantil, o Gastroarte e a promoción do Camiño; e dos actos de cariz tradicional, na mostra de traxe galego, o desfile de gando, a ofrenda a Rosalía e o pregón, co espectáculo piromusical coa historia do patrón da cidade.
Así, o Concello presume dos datos da Oficina Municipal de Turismo, que atendeu a 11.000 visitantes, e da ocupación hoteleira rexistrada pola Asociación Provincial de Empresarios e Hostaleiros (APEHL), cifrada no 97 por cento durante o San Froilán.
Cidadáns critica a falta de imaxinación e a proximidade do Caudal Fest
A voceira de Cidadáns, Olga Louzao, considera que a única aportación novidosa do Concello de Lugo para este San Froilán foi o servizo de autobuses nocturno, que lembra, foi proposto dende a formación laranxa. Esta medida “logrou que todos os veciños puidéramos desfrutar dunhas festas máis seguras”, polo que o partido solicitará á Corporación manter este servizo durante o resto do ano.
Por outra banda, Louzao observou que “o número de persoas que acudiron á festa foi moito menor” pola falta de ideas do goberno local e a decisión de situar o Caudal Fest os días 21 e 22 de setembro, o que en teoría “restou importancia” á feira patronal.
O goberno local repetiu os mesmos erros, segundo Lugonovo
Lugonovo considera que o gabinete municipal amosou nula capacidade para corrixir aspectos que “levan anos sendo moi mellorables” nas celebracións patronais. A representante do grupo, Cristina Pérez Herráiz, apuntou ao “caos de circulación” pola mala sinalización e a “carencia de prazas”. A falta de información sobre o transporte público e os aparcadoiros disuasorios conduciu a “problemas de tráfico contínuos”.
“A ordenación da contorna do feiral foi un despropósito en sí mesma”, afirmou Pérez Herráiz, quen identificou a falta de alternativas para a circulación coma a cerna da cuestión. Así, advertiu que a falta de vixilancia impediu que se respectara o estacionamento reservado para buses e levou a un “libre albedrío” no aparcamento de vehículos.
Entre outras deficiencias, Lugonovo detectou a “falta de previsión” en actuacións musicais “solapadas”, o traslado do concerto dos lucenses Skintight pola falta de corrente eléctrica, ou o feito de que a área reservada para persoas con mobilidade reducida na Praza de Santa María quedara fóra de servizo.
Os populares falan de “nefasta imaxe” e “falta de reflexos”
O grupo do Partido Popular entende que só a climatoloxía salvou do fracaso ao San Froilán 2018. A afluencia do público foi, segundo os conservadores, “das peores nos últimos anos”, algo que atribúen á xestión das casetas de polbo –na instalación e na reacción tralo corte de auga–, á “despreocupación” polo aseo urbano, e á “pobre programación.
Tampouco están satisfeitos coa información outorgada na cidade ou a promoción realizada noutras provincias, ou co novo caso de “vandalismo” que afectou á fonte de San Vicente. Así as cousas, os populares subliñan que foi o “esforzo” de veciños, comerciantes e hostaleiros o que permitiu un resultado “minimamente satisfactorio” na gran festa de Lugo.