InicioCulturaÉ un lujo tocar en Lugho: Heredeiros da Crus fai estoupar Horta...

É un lujo tocar en Lugho: Heredeiros da Crus fai estoupar Horta do Seminario

O acontecemento máis potente do San Froilán 2018 trouxo o anuncio dun novo traballo dos da Barbanza para o ano que vén

PUBLICADA O

- Advertisement -

Heredeiros da Crus é un fenómeno interxeracional, que trascende a dimensión dos motivos e expresións das súas letras. Así o certifican a expectación e a diversidade no público que o xoves ateigou a praza Horta do Seminario, dentro da xira polo vixésimo quinto aniversario da formación. Malia deixar algún hit fóra da escolma, os da Barbanza cumpriron cos temas máis míticos nun concerto longamente agardado en Lugo.

A estratéxica situación do escenario, conexión de luz e son entre as barracas e o casco vello, serviu para acadar unha afluencia difícil de igualar nun San Froilán. O triángulo entre Ramón Ferreiro, as torres e o Seminario non podía acoller a máis xente no altar do rock en ghalego. E os Heredeiros, que sempre traen lea e algo saben de conectar e crear comunión, intercalaron o exceso, o espectáculo individual e intres de desgarro colectivo. Todo un percorrido emocional pola traxectoria dos guerrilleiros.

Así, alternaron as subidas de Quero josar, Juan Ramón ou Flor de primavera cos máis sentimentais Corasón de carballo ou Non quero nada de ti. Aínda que a voz de Javi Maneiro pasou por momentos, e faltoulle garra para arrancar co R-7, o traballo coral dos Heredeiros contou coa complicidade dos asistentes para soster as transicións con O teu fillo fuma porro ou Borracho son pelijroso

As versións enxebres de My Sharona e We’re not gonna take it deixaron paso aos episodios reivindicativos. Cantos pola igualdade, de denuncia do maltrato, contra os incendiarios, reclamando mellores salarios ou en homenaxe aos emigrados. Con De Jalisia ó estranxeiro os máis jrandes encararon a recta final, propulsados pola sulfatadora e a colaboración dunha solteira en despedida. 

Scream for me, Long Beach!, berraba Tuchiño. Aquilo non era o lendario escenario californiano dos Iron Maiden, pero intención non faltaba e ambiente tampouco. Antes de marchar, Heredeiros amosou que vai para longo: vinte e cinco anos non son nada e preparan un novo traballo para o ano vindeiro.

ÚLTIMAS

Incendio nunha empresa de colchóns de Palas de Rei mobiliza un amplo operativo de emerxencias

Os servizos de emerxencias traballan na extinción dun incendio iniciado no exterior do recinto...

A Xunta só dá 10 días para consultar o expediente de Altri a 75 persoas interesadas

A Consellería de Economía e Industria recoñeceu a 75 persoas como interesadas no proxecto...

O PP lucense esixen a Tomé unha repartición “igualitaria” dos convenios da Deputación

Alcaldes e concelleiros do Partido Popular dos 67 concellos lucenses concentráronse este venres ante...

Dous detidos por estafar máis de 30.000 a unha empresa de Lugo

A Garda Civil de Lugo identificou a dous veciños de Cataluña que supostamente estafaron...