InicioPolíticaCase 700 persoas apoian a Candia como candidata para a Alcaldía de...

Case 700 persoas apoian a Candia como candidata para a Alcaldía de Lugo

"Estou convencido de que che vai tocar marchar do Parlamento e estou convencido de que vas ter que deixar a acta de deputada en representación da provincia de Lugo para asumir o cargo de alcaldesa de Lugo", proclamou o presidente do PP, Núñez Feijóo.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Preto de 700 persoas asistiron este sábado á tradicional pulpada de San Froilán que organiza o PP de Lugo. Neste caso, serviu para mostrar o apoio dos populares lucenses á candidata á Alcaldía da cidade, Elena Candia.

Entre os apoios, o do presidente do PP nacional, Alberto Núñez Feijóo, que puxo en valor o “compromiso” de Candia que, asegurou, “porá a disposición de Lugo toda a súa experiencia” e “activará esta capital que leva moitos anos de parálise e de inacción”.

“Estou convencido de que che vai tocar marchar do Parlamento e estou convencido de que vas ter que deixar a acta de deputada en representación da provincia de Lugo para asumir o cargo de alcaldesa de Lugo”, proclamou Núñez Feijóo.

Tamén tivo palabras de apoio para Candia o presidente dos populares galegos e presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que valorou positivamente que se retomen este tipo de actos en comunidade, freados pola pandemia. “Reunirnos para comer, para charlar, para vernos entre nós, para coller forzas e darnos conta de que somos moitos e que estamos unidos”, manifestou.

Ademais, reivindicou que “fai falta un cambio rápido” e, nesta mesma liña, defendeu que os populares levan “moitos meses facendo o que hai que facer: camiñar, escoitar, deixar calquera tipo de partidismo e darse conta do que a xente realmente pide”.

Por iso, sinalou que Elena Candia está a realizar “un magnífico traballo”. A continuación, lembrou aos presentes que chegan meses de “sacar o despacho á rúa” e de “presentar unha alternativa da man dos veciños”. “Son meses de propor e tomar nota porque sabemos que o exame vai chegar nas urnas”, sentenciou o líder popular.

As intervencións dos presidentes do PP nacional e galego viñeron precedidas das palabras da candidata á Alcaldía, Elena Candia, que recoñeceu que sentía “moi arroupada” polos seus.

Seguidamente, Candia sinalou que quere a Lugo e, por iso, dóelle ” o que está a pasar”, polo que instou aos populares a “traballar para que iso deixe de ser así”.

DEMANDA DE INFRAESTRUTURAS

Nesta mesma liña, sostivo que lle “doe” que a cidade “perda infraestruturas”. Por iso, lembrou que este venres acudiu a unha manifestación xunto ao BNG para reclamar o tren a Lugo porque “hai determinadas reivindicacións que non teñen siglas”.

“É importantísimo que mandemos unha mensaxe de unión, de que Lugo non pode perder o tren e a alta velocidade”, defendeu a candidata á alcaldía lucense.

Con todo, tamén lanzou unha mensaxe aos nacionalistas, aos que pediu “coherencia”, xa que “critican que Lugo non pode perder o tren” e “días antes votan os orzamentos con Pedro Sánchez que significan non ter tren para Lugo”.

A continuación, Candia prometeu que se chega ao consistorio municipal modificarán o trazado do carril bici para que “non derrube os barrios e a xente poida vivir onde queira traballar”.

Nesta mesma liña, censurou que o Goberno de coalición actual sexa “un Goberno de pinta e colorea” que “se pelexan pola foto”. “En Lugo ninguén nos ten que dar leccións de como se peonaliza un casco”, continuou, para posteriormente sinalar que a cidade “aínda vive dos grandes proxectos” do PP.

Do mesmo xeito, Candia destacou que quere construír un proxecto “de Lugo para Lugo”. “Non queremos parecernos a Vancouver; Lugo é Lugo”, proclamou a popular.

“Teño experiencia, formación e ilusión, pero o máis importante de todo é que vos teño a todos vostros e xuntos seremos unha forza imparable en maio do ano que vén“, concluíu entre aplausos.

ÚLTIMAS

Dous irmáns lucenses, promesas do piragüismo español

Un día de semana ás 10:00 horas da mañá en pleno verán, Hugo Argiz e...

O pleno municipal aproba esixir á Xunta que garanta o dereito das mulleres a abortar na provincia

O pleno do Concello de Lugo aprobou este venres, co voto a favor de...

Un conductor ferido grave tras caer por un terraplén no Corgo

O condutor dun vehículo resultou ferido de gravidade tras saírse da vía e caer por un...

Doa sangue e levarás gratis unha entrada para o cinema

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Centro Comercial As...