A Policía Nacional detivo a unha parella, un home de 45 anos e unha muller de 25 anos, por gravar os usuarios dun piso de aluguer vacacional en Lugo.
Nun comunicado, a Policía, sinalou que os feitos foron denunciados a principios do mes de agosto por unha parella que se atopaba no inmoble durante as súas vacacións, xa que observaran unha luz intermitente verde e vermella na habitación na que se atopaban.
Así, e ante a sospeita de que puidesen estar a ser gravados, puxéronse en contacto coa Policía Nacional, que xunto cos técnicos da Policía Científica acudiron ao lugar. Unha vez alí puideron corroborar que había un dispositivo de gravación oculto por unha caixa eléctrica.
Tras investigar os feitos, confirmaron que o home, que é un dos arrendadores da vivenda, e a súa parella, coa que acudía ao inmoble, colocaran o dispositivo para gravar os encontros que se producían no piso de aluguer. A Policía destacou que a colaboración dos propietarios foi clave para esclarecer os feitos.
Ambos foron detidos e postos a disposición xudicial como presuntos autores dun delito contra a intimidade. Ademais, segundo informou o corpo de seguridade, ata o momento non consta que as imaxes fosen utilizadas ou difundidas por ningún medio.