InicioLugo e contornaLugoA concelleira de Cultura de Lugo desmárcase do anuncio da alcaldesa de...

A concelleira de Cultura de Lugo desmárcase do anuncio da alcaldesa de que haberá barracas nas festas

Traslada á alcaldesa a "responsabilidade" do que poida ocorrer no San Froilán.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A concelleira de Cultura do Concello de Lugo, a nacionalista Maite Ferreiro, desmarcouse este martes do anuncio realizado pola alcaldesa de Lugo, a socialista Lara Méndez, de que haberá barracas durante as festas de San Froilán, que se celebrarán do 4 ao 12 de outubro e afirmou que será “responsabilidade” da rexedora.

A través dun comunicado da Alcaldía púxose de manifesto que se traballa xa “nos dispositivos para facilitar a instalación das barracas con todas as medidas de seguridade”. Nesa nota, que inclúe declaracións de Méndez, a alcaldesa subliña que “as barracas son un gran atractivo para que a xente salga ás rúas e consuma nos establecementos e, por tanto, benefician á hostalaría e o comercio”.

Tras esa comunicación, os seus socios nacionalistas no goberno municipal trasladan a “responsabilidade” do que poida ocorrer a Lara Méndez. Así, o BNG escúdase en que os protocolos da Xunta contra a Covid impedirían que se instale o recinto feiral. Ferreiro manifestou que “non sabe” se finalmente se instalarán ou non as atraccións. “Desde a área de Cultura xa nos pronunciamos e non vou dicir nada novo, en todo caso a Alcaldía anunciou o que anunciou e será responsabilidade dela [a alcaldesa] instalalas ou non instalalas. Eu non teño máis nada que dicir”, resolveu.

“OUTRO DEBATE”

Respecto diso de se isto pode representar unha crise no goberno bipartito da cidade, a concelleira de Cultura, puntualizou que “ese é outro debate”. “Nós como grupo municipal temos clara cal é a nosa función que é traballar para mellorar a cidade de Lugo e creo que o estamos logrando”, explicou. “Eu creo que é outro debate diferente no cal nós non imos entrar”, resolveu.

Preguntada sobre se isto supón unha “inxerencia” por parte da alcaldesa nunha área xestionada polo BNG, insistiu en que “é unha cuestión da Alcaldía”. “E nós imos seguir centrándonos no noso traballo para transformar Lugo e para saír dese Lugo escuro e triste que era e abrilo ao mundo, mellorando a cidade para os veciños”, apostilou.

“Traballamos da mesma forma para facer un San Froilán cuns concertos seguros, variados, cunha música diversa”, finalizou. Finalmente apuntou que nos próximos días estará xa completo o programa das festas, no que se confirma a presenza de ‘El Drogas’, vocalista de Barricada, e os últimos anunciados son os de Isaac et Nora e Fetén, e María Arnal e Marcel Bagés.

+ posts

ÚLTIMAS

Celtica Pipes Rock! e Grimorium súmanse á música do Arde Lucus xunto a Abraham Cupeiro

Celtica Pipes Rock! e Grimorium incorporáronse á programación musical do Arde Lucus xunto a...

Miguel Fernández lembra que o parque canino foi “arrincado” á Xunta polo anterior goberno local de Lugo

  O portavoz do Grupo Municipal Socialista no Concello de Lugo, Miguel Fernández, denunciou hoxe...

Convocadas 17 prazas de bombeiro pola vía de urxencia no Concello de Lugo

A Xunta de Goberno Local extraordinaria e urxente celebrada este venres no Concello de...

Combater a desinformación: Deputación e CPXG impulsan 20 obradoiros en concellos da provincia

  A Deputación de Lugo e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia poñerán en...