InicioEconomíaA área recreativa do Chamoso, no Corgo, renova a conexión coa N-VI

A área recreativa do Chamoso, no Corgo, renova a conexión coa N-VI

A Deputación de Lugo investiu 321.000 euros na rehabilitación do acceso ás instalacións do Chamoso, onde será construída unha piscina pública

PUBLICADA O

- Advertisement -

Nos vindeiros días rematarán as obras de acondicionamento do acceso á área recreativa do Chamoso, no Corgo. Os derradeiros traballos na estrada que conecta coa N-VI foron supervisados este luns polo vicepresidente da Deputación e deputado de Vías e Obras, Argelio Fernández Queipo.

A autoridade provincial adicou 321.000 euros á renovación da LU-P-1602, que vai de San Cristovo ata a LU-106, pasando por Adai. A intervención abrangue un treito de 1,7 quilómetros, entre os puntos quilométricos 1,5 e 3,2 da que é a principal conexión da área recreativa do Chamoso coa N-VI.

Os traballos consistiron na rehabilitación do firme con aglomerado en quente, limpeza de cunetas, renovación da sinalización horizontal e vertical e, polo tanto, incremento da seguridade vial.

Fernández Queipo salientou o impacto que esta mellora terá na calidade de vida da veciñanza do Corgo. O deputado de Vías e Obras lembrou que a estrada é empregada tamén polos preto de 400 veciños das parroquias do Chamoso, Adai, Piñeiro e Pedrafita. 

Por outra banda, o vicepresidente provincial confirmou os plans da Deputación de dotar ás instalacións de ocio do Chamoso cunha nova piscina pública. O proxecto estaba orzamentado en 436.000 euros, mais resultou adxudicado en 306.000. Esta diferenza será empregada polo executivo provincial para investir nos complexos deportivos e na rede de estradas do Corgo.

Así, a Deputación mellorará do campo de fútbol da localidade, dotándoo de herba artificial. O conxunto destes fondos forma parte dos 1,8 millóns que o goberno provincial adicou á dotación e mellora de servizos públicos para os 3.500 veciños deste concello.

A estas partidas cómpre engadir outros 216.000 euros para a mellora da LU-P-1603 de Gomeán por Maceda, da LU-P-1605 de Cabreiros a Arxemil e da LU-P-1608 da Campa a Quinte; os case 350.000 euros para o acondicionamento de accesos en Lousado, na Estación, Bocelo, Gándara, O Corgo dende a N-VI, camiño das Campas, acceso á N-VI ao Hospital e construción de beirarrúas dun treito da N-VI; ou os 127.000 euros para os saneamentos en Chousa, Campo, Escoureda, Paradela e o colector de Cambeiro á Portela.

ÚLTIMAS

A redacción do proxecto para construír unha residencia na Pastoriza será financiada pola Xunta

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse co alcalde da Pastoriza,...

Abadín rexistra 62 litros por metro cadrado debido á borrasca Caetano

A borrasca Caetano, que este xoves obrigou a activar diferentes alertas laranxa e amarela...

Un bus urbano causa danos nunha vivenda en Lugo tras saírse da vía e un dos pasaxeiros resulta ferido

Un bus urbano de Lugo sufriu este xoves un accidente de tráfico e causou danos nunha...

Detida unha muller de 20 anos de idade tras tentar introducir marihuana no centro penal de Monterroso

A Garda Civil detivo a unha muller de 20 anos de idade, veciña de Pontevedra, como presunta...