InicioPolíticaOlalla Rodil: “Galiza ten que abrir o debate de cara onde quere...

Olalla Rodil: “Galiza ten que abrir o debate de cara onde quere camiñar”

A deputada lucense Olalla Rodil repasa medio século da reivindicación do 25 de xullo e o futuro do autogoberno

PUBLICADA O

- Advertisement -

Olalla Rodil (Ribeira de Piquín, 1989) é deputada no Parlamento de Galicia pola provicia de Lugo, en representación do Bloque Nacionalista Galego. En nome desta fronte política lle pedimos que valore o camiño percorrido no medio século que transcorreu dende que o 25 de xullo de 1968 se recuperou o Día da Patria Galega. Mais tamén preguntamos polo rumbo que debería de seguir o país en adiante, nun escenario político no que Galicia semella quedar á marxe do debate e da volatilidade.

25 de xullo: canto ten de celebración, e canto de reivindicación?

Ten moito, moito de reivindicación. Coido que todos os 25 de xullo teñen unha parte enorme de reivindicación, pero este ano máis se cabe, pola conmemoración dos cincuenta anos da primeira convocatoria do Día da Patria Galega, en 1968. Dende o BNG queriamos darlle este ano un valor simbólico enorme ao feito de que hai medio século un grupo de persoas tivesen a valentía, no medio dunha ditadura fascista como era o franquismo, de pendurar unha faixa que reeditamos este ano.

E volvimos a pendurala no mesmo sitio, na Alameda de Santiago de Compostela, para defender algo absolutamente revolucionario e absolutamente vixente, a necesidade de seguir pelexando por una Galiza ceibe, dona de si mesma e con capacidade de transformar as vidas da xente que vivimos e traballamos neste país.

Ten unha parte festiva, e sobre todo dende o BNG no Festigal, eses dous días de cultura, ideas, letras, exposicións e presentacións de libros. Pero a parte máis importante do Día da Patria Galega sempre é a revindicación de que somos unha nación, de que somos un pobo vivo, e de que hai un proxecto político que segue a loitar, como levamos desde os últimos cincuenta anos, por que Galicia poida contar con poder político efectivo e real para que poidamos vivir e traballar na nosa terra.

Como evolucionou a conciencia nacional dende a creación do Bloque?

Eu creo que hai unha conciencia de pertenza a un pobo con identidade de seu, con lingua propia, e tradicións e historia de noso. Unha conciencia importante no conxunto da sociedade, aínda que moitas veces non se reflicta e non reverta nunha expresión de reivindicación política.

Nos cincuenta anos que leva conmemorándose o Día da Patria Galega, e nos anos dende a fundación do BNG no 1982, ten demostrado Galiza moitas veces que si que se defende; aínda que como todo nesta vida, ás veces é unha montaña rusa, sube e baixa dependendo do contexto.

As provincias foron introducidas na Constitución para difuminar a conciencia nacional. Estase a superar o provincialismo?

Creo que as provincias son unha das delimitacións administrativas que, na súa expresión institucional, as Deputacións, son anacrónicas e están fóra completamente da realidade histórica, política e administrativa. Pero tamén son unha construcción artificial, non representan en absoluto a realidade territorial do noso país, que si que se ve reflictida nas comarcas.

No BNG defendemos dende sempre que desaparezan as provincias como unidade administrativa, e tamén a expresión institucional que son as Deputacións. En Lugo non ten nada que ver a realidade social, demográfica e económica da Mariña coa que podemos atopar, por exemplo, coa realidade da Montaña oriental do sur de Lugo.

Como interpreta o BNG este período no que a representación política está atomizada?

Nos últimos anos evidentemente o contexto político-electoral mudou moitísimo, emerxeron proxectos novos. Pero na súa esencia, se o analizamos con perspectiva, tampouco a irrupción de novas forzas políticas –sobre todo no marco estatal– non mudaron en esencia a realidade política ou económica. Máis ca un bipartidismo a dous, parece un bipartidismo a catro.

Cremos que o que necesita este país é contar con organizacións centradas en Galiza, que non atendan a outros intereses que non sexan defender ás galegas e aos galegos e aos sectores produtivos deste país, e a necesaria transformación que precisa para mudar os problemas estruturais que arrastramos dende hai décadas.

Homenaxe aos 50 anos da faixa pendurada na Alameda de Santiago de Compostela polo Día da Patria Galega | BNG
Homenaxe aos 50 anos da faixa pendurada na Alameda de Santiago de Compostela polo Día da Patria Galega | BNG

Ningún dos proxectos, a non ser o Bloque Nacionalista Galego, pode representar estes intereses e a necesidade de que o pobo galego se autoorganice. É unha das reivindicacións históricas do Día da Patria, contar con organizacións con voz propia, sen dependencias doutros intereses.

Pode o novo equilibrio de forzas no Congreso dos Deputados ser unha porta para a devolución de competencias?

Dende que goberna o Partido Popular con Alberto Núñez Feijóo, dende 2009, non se transferiu nin unha soa competencia a Galiza. Iso non acontecera nunca dende a transición e a aprobación do Estatuto de Autonomía en 1981. Os cambios que se poidan producir neste país a través das institucións dependerán da capacidade das galegas para pór enriba da mesa as nosas demandas e preocupacións, as nosas cuestións prioritarias.

Independentemente de quen goberne, hai que poñer enriba da mesa do goberno español unha axenda galega. O que vemos é que as organizacións que teñen o seu centro de decisión no estado español, sexa o Partido Popular, sexa o Partido Socialista agora no goberno, non teñen maior interese por facer avanzar ao noso país.

É necesario un cambio político aquí en Galiza. Á vista está que dende 2009 non avanzamos nin un só milímetro, atopámonos nunha foto fixa.

Pode superarse a dinámica de bloques do Parlamento de Galicia? Hai asuntos longamente postergados que requiren maiorías lexítimas, cando non de unanimidade. Como sucedeu coa Lei de Normalización Lingüística.

Para iso é fundamental botar ao Partido Popular da Xunta de Galicia. É obvio que hai que reverter a correlación de forzas do Parlamento, e traballamos diariamente para poñer unha alternativa política ao Partido Popular. Precisamos un goberno que teña a cabeza posta nas necesidades deste país, e non como temos agora, nun delegado en provincias, nun xestor centrado nos seus intereses particulares e de partido máis que  en impulsar os cambios que precisa o país para desenvolverse.

Que queda do espírito do Estatuto dos Dezaséis?

Estamos convencidas de que o movemento nacionalista en todas as súas expresións, pode ser o Bloque pero tamén os sindicatos, sempre nos opuxemos a calquera texto estatutario que non dotase a Galiza do que precisa, que é poder político real. Facendo unha perspectiva de todos estes anos de autonomía dende a aprobación do Estatuto en 1981, os problemas que carrexa Galiza seguen a ser os mesmos, en taxas de emigración, problemas de sectores produtivos.

Iso demostra que o que precisa Galiza é romper o marco institucional e político que non permitiu que desenvolvésemos completamente as nosas competencias e dotar ao pobo galego de capacidade de decisión. Non sei se queda algo daquel espírito, pero o que queda claro é que Galiza non puido desenvolverse completamente por falta de capacidade de decisión.

En Euskadi cualifican de histórica a aproximación entre o PNV e Bildu acerca da cuestión nacional. Mais ollando cara a Galicia, esa aproximación semella imposible, porque a dereita hai tempo que abandonou o nacionalismo. A que responde a ausencia dunha dereita nacionalista galega, á condición de partida do nacionalismo, ou a intereses electorais?

Precisamente o acordo en Euskadi, o debate dos últimos meses ao respecto da reforma nacional, ou o que acontece en Cataluña, demostra que as nacións sen estado no estado español levan tempo traballando para  avanzar e dotarse de capacidade política. Galiza non está neste debate, porque o ten secuestrado a maioría do Partido Popular. Estamos nun contexto en que os territorios que son considerados nacionalidades históricas deberiamos estar poñendo enriba da mesa unha proposta para a reforma do marco político de 1978.

Mentres que Cataluña e Euskadi realizaron as súas propostas na reunión co presidente do goberno español, pola contra parece que para a Xunta de Núñez Feijóo o único debate é se chegará o AVE para 2021. Para nós é unha cuestión fundamental, Galiza debería abrir ese debate, cara onde quere camiñar o noso país diante dunha hipotética reforma do marco de 1978.

Propuxemos unha ponencia para abrir unha mesa de debate con todas as forzas políticas con representación no Pacto do Hórreo. A nosa está clara: avanzar no autogoberno e superar o marco de 1978. A dereita non é que non teña unha idea do que quere, e que o único que quere é manter a Galiza na situación actual, non ten ambición para dotar ao noso país de ferramentas políticas para desenvolvernos social e economicamente.

Falaba de sentar na mesa ás formacións que estiveron no Pacto do Hórreo. Pero a última vez que se intentou modificar o Estatuto, durante o Bipartito, foi un fracaso inmediato. Existía un apoio real?

Pola parte do BNG era claro que tiñamos esa vontade de dotar a Galiza, coa ferramenta do Estatuto, de maior capacidade de decisión e do recoñecemento do seu estatus como nación. Foi unha manobra do Partido Popular, que orixinalmente sentou na mesa pero deseguido se ergueu para dinamitar absolutamente calquera proceso de diálogo. A dereita galega non ten interés por mudar as cousas, só emprega a Galiza para nutrir os seus intereses partidarios no estado español.

É posible acadar o autogoberno pleno empregando unha axenda rupturista, como se intenta en Cataluña?

É a única forma. Todo o que está a acontecer, e que aconteceu estes anos en Cataluña, demostra que só o impulso popular pode mover os marcos. Pero puxo en evidencia que as cousas non son sinxelas, o estado ten ao seu dispor todas as ferramentas policiais, xudiciais e mediáticas, e non vai poñelo fácil, todo o contrario. Hai políticos presos por defender un programa electoral ou por defender que a xente pudiera decidir que si ou que non, metendo un papel nunha urna.

A única forma de exercer o dereito de autodeterminación e loitar por un país soberano é a través da mobilización, da autoorganización, impulsandoo dende as rúas e acompañandoo co traballo que se pode facer institucionalmente.

Convidamos a que a xente veña este 25 de xullo a manifestarse. Este Día da Patria Galega, o BNG quere sumar moitas persoas que teñen unha idea clara, que é que este país precisa seguir avanzando para garantir os dereitos fundamentais das traballadoras e traballadores deste país.

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...