Renfe modifica, a partir do 20 de maio, o horario do Alvia 4114 Lugo-Madrid adiantando a súa hora de saída ás 5,18 horas, o que, segundo reivindica, supón unha mellora na oferta matinal na conexión Galicia-Castela e León-Madrid, permitindo aos lucenses viaxar á capital e regresar no mesmo día, ademais de ofrecer unha nova opción de mobilidade madrugadora para os viaxeiros de estacións intermedias como A Gudiña ou Sanabria AV.
Segundo informa a operadora ferroviaria, o servizo de Lugo manterá as paradas habituais do seu percorrido en Galicia: Sarria ás 5,41 horas, Monforte de Lemos ás 6,10 horas, Ourense ás 6,58 horas e A Gudiña ás 7,44 horas.
En Castela e León o tren deterase en Sanabria AV ás 8,04 horas, en Zamora ás 8,39 horas e Medina del Campo ás 9,13 horas. A chegada a Madrid está prevista para antes do dez e media.
Da mesma forma, a partir do 20 de maio e co obxectivo de “optimizar a oferta e a operativa do servizo do corredor”, tamén se reorganizarán outros servizos.
GALICIA-MADRID
Así, o AVE 4464 Vigo-Madrid de primeira hora da mañá adianta 10 minutos a súa saída (farao ás 5,50 horas). Ademais, incluirá no seu itinerario a parada en Santiago de Compostela, “engadindo unha nova opción de viaxe”, e manterá un horario de chegada a destino similar ao actual.
A parada en Zamora que este tren presta ata o día 19 pasará a realizala desde o día 20 a unha hora similar, a nova frecuencia do Alvia Lugo-Madrid (8,39 horas).
Ademais, o servizo AVE 4364 A Coruña-Madrid das 7,15 horas adianta a súa saída ás 7,10 horas e, por tanto, modifica en cinco minutos o horario das paradas intermedias e de chegada a destino.
MADRID-GALICIA
Pola súa banda, o primeiro servizo do día que partirá de Madrid pasa a ser o Avlo Madrid-A Coruña. Este tren sairá da capital ás 6,30 horas (actualmente faino ás 8,25 horas), mellorando as opcións matinais de viaxe tanto nas estacións do traxecto en Castela e León, con paradas de primeira hora en Zamora (7,48 horas) ou Sanabria AV (8,17 horas) como na localidade galega da Gudiña (8,36 horas).
O horario que libera este Avlo pasa a ser utilizado polo AVE 4475 Madrid-Vigo que actualmente sae da capital ás 7,14 horas. Cun novo horario de saída ás 8,26 horas, manterá as mesmas paradas e chegará a destino ás 12,34 horas.
A reorganización a completa a modificación do horario do AVE 4565 Madrid-Vigo de primeira hora da tarde. Este servizo, que actualmente parte de Chamartín ás 16,05 horas, adianta a súa saída desde o día 20 ás 15,32 horas. Supón, ademais, unha nova opción de viaxe para os viaxeiros con destino Santiago xa que inclúe unha nova parada na capital galega no seu itinerario. A hora de chegada a Vigo será ás 19,44 horas (actualmente ás 19,58 horas).
Os billetes coa nova oferta atópanse dispoñibles para a súa consulta e adquisición nas canles habituais de Renfe: despachos de billetes, máquinas autoventa, App Renfe, no teléfono 912 320 320 e en www.renfe.com.
