O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este domingo na última xornada da 46º edición da Feira do Viño de Amandi, que se celebrou ao longo desta fin de semana e que reuniu a máis de 20 bodegas. O evento, co que colabora a Deputación cunha achega económica de case 14.000€ a través do Plan Deputación, incluíu -entre outras propostas- actuacións musicais, catas e pasarrúas.
Tras a recepción de autoridades, celebrouse o pregón a cargo do chef do Restaurante Vértigo, Rafa Centeno, e a entrega de premios, conducida pola xornalista Manola Porto. A xornada, que se celebrou no entorno da praza do Concello, reuniu a centos de asistentes e a numerosas autoridades da comarca.
Rivera Capón destacou que “esta feira é un exemplo do compromiso que mantemos desde a Deputación de Lugo co sector vitivinícola da nosa provincia, porque apoiando citas coma esta tamén promocionamos os nosos produtos e contribuímos ao desenvolvemento económico da zona”. Pablo Rivera fixo especial fincapé “na calidade dos viños que levan o ADN da Ribeira Sacra, que gozan xa de gran prestixio tanto a nivel galego, como nacional ou mesmo internacional”.
Avanzou ademais que “falamos dunha cita que leva celebrándose máis de 40 anos, polo tanto, é un evento de referencia no noso calendario que axuda a dar a visibilidade que se merece a tradición vitivinícola e fortalece a promoción da nosa provincia dentro e fora de Galicia”.
