InicioTerra CháGuitirizO SLG denuncia o peche de 1.500 granxas de leite en catro...

O SLG denuncia o peche de 1.500 granxas de leite en catro anos

A organización agraria renovará a súa dirección de sector este venres, 27 de marzo, nun contexto marcado pola perda do 23% das granxas nos últimos catro anos e a caída dos prezos nos novos contratos.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) celebrará este venres, 27 de marzo, o seu Congreso do Sector do Vacún de Leite. O encontro terá lugar na Casa Habanera de Guitiriz a partir das 11:00 horas, co obxectivo de realizar unha diagnose da situación actual e definir a folla de ruta da organización para os vindeiros catro anos.

Durante a xornada, o sindicato procederá á renovación da súa dirección de sector, incluíndo as responsables comarcais e as figuras de responsable e vicerresponsable do Sector do Leite. Segundo explicou Xulio Fernández Carnero, coordinador do sector no SLG, o congreso servirá para “avaliar as necesidades e o estado actual, de onde vimos e cal é a reformulación futura que defendemos”.

Un sector en retroceso: 1.500 peches en catro anos
A cita prodúcese nun momento crítico para a soberanía alimentaria de Galicia. Os datos presentados pola organización son alarmantes: no período 2021-2025, preto de 1.500 granxas de leite cesaron a súa actividade, o que supón unha baixada do 23%. Na actualidade, quedan menos de 5.000 explotacións con entregas de leite en todo o país, sendo as máis pequenas as que sofren un maior impacto.

Esta sangría prodúcese a pesar de que Galicia incrementou a súa produción nun 16,2% desde o fin das cotas en 2015. Porén, nese mesmo período de dez anos, o país perdeu o 45,7% das súas granxas, o que evidencia unha preocupante concentración da produción e unha falta de relevo xeracional eficaz.

Denuncia da “tiranía” da industria nos novos contratos
O congreso enmárcase en plena fase de renovación de contratos, un proceso que o SLG cualifica de “difícil”. Fernández Carnero denunciou unha “nova tiranía da industria”, acusando ás empresas de baixar os prezos unilateralmente sen xustificación de mercado.

“As produtoras e produtores están a percibir un descenso de entre 4 a 10 céntimos por litro que as empresas impoñen, incumprindo a Lei da Cadea Alimentaria”, aseverou o coordinador.

Desde o SLG lembran que Galicia segue a ser a comunidade peninsular cos prezos máis baixos. A organización defende que o prezo debe construírse “de abaixo cara arriba”, garantindo que se cubran os custos de produción e se aseguren salarios dignos.

Propostas para a supervivencia do rural
Ante o auxe de custos (gasóleo, fertilizantes) e o endebedamento derivado da industrialización esixida, o Sindicato Labrego Galego porá sobre a mesa en Guitiriz varias reclamacións históricas.

Entre elas están as ferramentas públicas de control da produción. Mecanismos contra a destrución da cadea de valor, evitando a venda por debaixo de custos e a creación dunha Mesa do Leite con presenza de todos os axentes implicados.

Para o SLG, o sector lácteo é o motor que mantén o rural galego “cheo de vida”. O congreso de mañá busca fortalecer a organización para combater o que consideran unha situación de inestabilidade que impide que o sector sexa atractivo para as novas incorporacións.

+ posts

ÚLTIMAS

Candia e a tránsfuga Reigosa presentan a moción de censura

A moción de censura que arrebatará o goberno de Lugo ao bipartito de PSOE...

Moción de censura: O goberno local aluda á “indignación popular” contra a moción do PP

A presidenta provincial do PP de Lugo e portavoz municipal na cidade, Elena Candia,...

María Reigosa non se presentará á praza de Litoral que vinculan ao seu apoio á moción de censura

A edil exsocialista do Concello de Lugo María Reigosa asegurou que non se presentará...

A Deputación inviste en Meira máis de 200.000€ para as obras en tres estradas

A Deputación vén de iniciar as obras de mellora do firme en tres estradas...