InicioEconomíaA tecnoloxía lucense para a saúde das vacas que seduciu a Silicon...

A tecnoloxía lucense para a saúde das vacas que seduciu a Silicon Valley

Tres universitarios atoparon soporte para o proxecto disruptor iTechTerm en programas públicos e nun galego co que contactaron en Silicon Valley

PUBLICADA O

- Advertisement -

O concepto iTechTerm baséase nun sensor de temperatura subcutáneo que permite a monitorización e detección temperán de afectacións no gando vacún.  Empregando algoritmos de análise de big data, o sistema avisa de problemas na saúde e na produtividade da vaca antes de que se manifesten os síntomas. Esta tecnoloxía lucense arrostra o reto de entrar nun eido pouco permeable e con escasa marxe para o investimento.

Con base de operacións en Arneiro, a start up está comandada por tres universitarios unidos contra todo pronóstico. No cuarto curso de Veterinaria, Elio López concibiu o sensor como xeito de irmandar o aprendido na facultade lucense coa experiencia do negocio familiar, unha explotación leiteira con dúas mil vacas no termo municipal de Cospeito.

Para materializar esta tecnoloxía contactou con Oscar Guasch e Daniel Pardo. O primeiro, compañeiro de Veterinaria, amosara gran sintonía con el e capacidade para traballar baixo presión. O segundo, amizade da infancia e estudante de Enxeñería Informática na Coruña, quería enfocar o traballo de fin de grao cara a tecnoloxía no mundo rural.

O sensor de temperatura

Dani, Elio e Oscar

O obxectivo deste equipo era atopar o xeito de estudar a temperatura corporal do gando para, a través da caracterización de cada animal e o uso de algoritmos, obter un diagnóstico precoz en caso de calquera afectación. A vantaxe do método é evidente, pois obtén información precisa sen obrigar á gandería a revisar constantemente o estado das reses, e faino con antelación, aforrando sufrimento e evitando a cronificación da doenza.

Cómpre entender que o sensor de temperatura abrangue todo o proceso produtivo, o que implica, ademais de enfermidades bacterianas, anticipar eivas na alimentación e na reprodución da vaca. Dende o punto de vista do gandeiro, supón coñecer o estado dos exemplares en tempo real sen necesidade de estar presente na explotación. 

Financiamento

Nun primeiro intre, o desenvolvemento de iTechTerm pasou polo programa Explorer, da Universidade de Santiago de Compostela e o Banco Santander. Elio e máis Oscar prepararon un plan de negocio que tiveron que defender en época de exames, resultando na proba definitiva da afinidade, e no impresionante fito de obter o primeiro posto en Lugo e acceder á viaxe a Silicon Valley.

Todo cambiou rapidamente para eles, aínda pendentes de rematar a carreira. No val do silicio, berce do emprendemento tecnolóxico, compartiron xornadas con outros xoves disruptores españois, empresas locais punteiras e anxos inversores. Así contactaron cun mecenas galego fincado en Tulare, California, e a experiencia traduciuse nun investimento de 75.000 euros.

Alcance europeo

Os gañadores dos premios Emprendendo no Rural coa deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo | Deputación de Lugo
O equipo de iTechTerm foi galardoado nos premios Emprendendo no Rural | Deputación de Lugo

Con este alicerce, e co compromiso engadido de Daniel, os tres combinaron os esforzos de tres universidades: a da Coruña, cos recursos de Enxeñería Informática, a propia institución compostelá, e a homóloga de Eindhoven. Un investigador do centro de saber neerlandés, contactado por Elio, correspondeu o interese que o equipo lucense amosou polos primeiros estudos vencellados a esta tecnoloxía.

Así e todo, os tres universitarios atópanse na actualidade deseñando o sensor e a plataforma de análise. A granxa piloto de Arneiro servirá para probar a viabilidade do modelo, que comprende a informatización da explotación, e o seguimento externo a través da subscripción de cada chip.

Precisamente, o custe de deseño e produción do primeiro sensor supón o primeiro desafío; o seguinte será axustar o prezo para que o sector gandeiro poida permitirse a tecnificación das granxas con marxes de investimento mínimas. Os pasos a seguir son a proba contrastada da eficacia do sistema, acadar relevancia en feiras e revistas especializadas, e contar coa colaboración dos veterinarios de cara a perfeccionar e divulgar as bondades de iTechTerm.

As probas de detección de síntomas prolongaranse durante dous anos, nun calendario enfocado a cinco anos e que contempla a expansión a nivel europeo. Para os tres é relevante o feito de desenvolver esta tecnoloxía en Lugo, pola importancia do lácteo galego, e a crise que vive o sector polo prezo do leite. No proceso, contarán co valioso apoio da mentora do programa Explorer, Patricia, e tamén da Deputación, que concedeu a iTechTerm o premio Emprendendo no Rural, valorado en 10.000 euros.

Así impacta a tecnoloxía na gandería de vacún de leite

ÚLTIMAS

Ángeles Vázquez ve igual de importante o expediente de Altri como o de ampliar unha granxa

A conselleira de Medio Ambiente, Anxos Vázquez, asegura que é "igual de importante" para...

Alfonso Rueda e Ana Pontón coinciden no San Froilán

O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alfonso Rueda, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón,...

As actividades do San Froilán renóvanse este mércores despois da borrasca Kirk

A área de Cultura, Turismo e Promoción dá Lingua do Concello de Lugo informou...

Facua critica a Xunta por patrocinar o Caudal Fest, sancionado por cobrar pola devolución do diñeiro de pulseiras

A organización de consumidores Facua criticou que a Xunta patrocinase o festival Caudal Fest, que se...