O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, participou este domingo na IV Festa da Troita con Xamón de Lugo, unha cita na que reivindicou a contribución das persoas que desenvolven a súa vida e actividade nas parroquias ao longo de todo o ano. A celebración tivo lugar no barrio da Ponte e congregou máis de 500 asistentes e representantes de 25 parroquias.
Durante a xornada repartíronse 4.000 racións de troita criada no río Eo, nun encontro no que a gastronomía serviu como punto de reunión da veciñanza procedente de diferentes zonas rurais do municipio. A programación incluíu tamén a entrega dos recoñecementos ‘Amigo/a do rural’.
Besteiro definiu a celebración como unha “homenaxe ás persoas que manteñen vivo o rural durante todo o ano”. Na súa intervención, incidiu na dimensión comunitaria deste tipo de citas e sinalou que a festa “une gastronomía con produtos de proximidade, tradición e, sobre todo, convivencia veciñal”.
O dirixente socialista vinculou a celebración coa visibilización do traballo que se desenvolve diariamente nas parroquias e coa importancia de conservar os espazos naturais ligados aos núcleos rurais. Así, apuntou ao papel destas iniciativas para poñer o foco na vida veciñal, no medio rural e no coidado dos ríos e das súas contornas.
A xornada serviu tamén para destacar o labor das asociacións como estruturas de participación e dinamización nas parroquias. Besteiro recoñeceu o traballo desenvolvido na organización da festa pola Federación de Asociacións de Veciños de Lugo Lucus Augusti e o movemento veciñal implicado na cita, que reúne cada ano participantes procedentes do rural lucense.
A celebración combinou deste xeito a degustación de produtos de proximidade con actividades destinadas a facilitar o encontro entre persoas de distintas parroquias. Para o secretario xeral do PSdeG, estas entidades desempeñan unha función relacionada coa convivencia e coa continuidade da actividade social nos núcleos rurais.
