O Caudal Fest pechou este fin de semana a súa oitava edición con preto de 40.000 asistentes, unha cifra que consolida ao evento como “o terceiro festival de maior afluencia de Galicia e reforza o seu peso como un dos principais reclamos culturais e turísticos da comunidade” tal e como explicou este luns a alcaldesa da cidade, Elena Candia.
Durante as dúas xornadas, ao redor de 20.000 persoas accederon cada día ao recinto instalado nos xardíns do Pazo de Feiras e Congresos, nun festival que volveu desenvolverse “sen incidencias destacables grazas ao dispositivo de seguridade, mobilidade e limpeza despregado polo Concello e o resto de administracións implicadas”, recalca. Candia incidiu no traballo que hai detrás dun evento destas dimensións. “Que un evento destas características funcione ben é o resultado do traballo de moitas persoas. O noso papel é pór os medios para que Lugo poida acoller citas así con seguridade e normalidade”, afirmou.
A rexedora agradeceu expresamente o labor da Policía Local, os Bombeiros, os servizos municipais de limpeza e o resto de efectivos que participaron no operativo, ademais de destacar a coordinación coas forzas de seguridade e a organización do festival. “A colaboración de todos, incluída a do público, é fundamental para que Lugo siga sendo capaz de albergar grandes eventos con absoluta normalidade”, engadiu.
Un dos obxectivos desta edición foi mellorar a experiencia de acceso ao recinto. Para iso, o Concello habilitou un sistema de prepulserización na Casa Consistorial, que permitiu a máis de 3.000 asistentes chegar ao festival coa pulseira xa colocada, reducindo de forma notable as esperas nos controis de entrada. A mobilidade tamén se reforzou cun servizo especial de transporte urbano. Ao longo do fin de semana programáronse 116 expedicións de autobús, que ofreceron máis de 12.000 prazas para conectar distintos puntos da cidade co recinto do Caudal Fest e favorecer desprazamentos máis áxiles e sustentables.
O impacto do festival tamén se deixou sentir na limpeza da contorna. O dispositivo especial activado polo Concello comezou a actuar desde a finalización dos concertos e, ata o domingo, retirara 7.240 quilos de residuos: 1.520 o venres, 3.040 o sábado e 2.680 durante a xornada dominical. Os traballos continuarán mentres se completa o desmonte de escenarios e infraestruturas.
Para Candia, máis aló do éxito musical, o Caudal Fest “volveu converterse nun importante motor económico para Lugo”. Como explicou, a chegada de miles de visitantes impulsou a actividade de hoteis, restaurantes, comercios, transporte e outros servizos durante todo o fin de semana. O sector do aloxamento rexistrou unha ocupación media do 93 %, co sábado como a xornada de maior demanda e numerosos establecementos alcanzando o cheo.
