InicioCulturaO Gustavo Freire acollerá catro funcións do Circuito Galego de Teatro Afeccionado...

O Gustavo Freire acollerá catro funcións do Circuito Galego de Teatro Afeccionado en setembro

A programación desenvolverase os días 12, 13, 19 e 20, con propostas de catro compañías galegas e entradas a un prezo único de tres euros

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo converterase durante dúas fins de semana de setembro nun dos escenarios do Circuito Galego de Teatro Afeccionado, cun programa formado por catro espectáculos de compañías e agrupacións procedentes de distintos puntos de Galicia.

A iniciativa está promovida pola Federación Galega de Teatro Amador (FEGATEA) e Achádego Teatro, coa colaboración do Concello de Lugo, e desenvolverase os días 12, 13, 19 e 20 de setembro. Todas as funcións terán lugar no auditorio municipal e as entradas custarán tres euros.

A apertura do ciclo corresponderalle precisamente a Achádego Teatro, que subirá ao escenario o sábado 12, ás 20.30 horas, con Profundando nas cousas da vida. A montaxe, pensada para público familiar, constrúe diferentes pequenas historias a partir do universo literario de Castelao, especialmente de Cousas e doutros relatos do autor.

A proposta leva ás táboas personaxes e escenas relacionadas con distintos aspectos da sociedade galega presentes na obra de Castelao, entre eles a emigración, a vellez, a infancia ou o traballo e a vida vinculados ao mar.

O domingo 13, ás 18.30 horas, chegará a segunda función da man de Teatro Pesadelo, que presentará Xa é hora. Neste caso, trátase dunha comedia orientada a público adulto que ten como protagonista unha actriz que permanece entre bastidores á espera de comezar unha representación.

A aparición dunha persoa inesperada altera a situación inicial e serve como punto de partida dunha historia que emprega o humor para abordar as dificultades laborais e a precariedade que poden rodear o mundo da interpretación.

DA GUERRA CIVIL A UNHA CONSPIRACIÓN NUN PAÍS IMAXINARIO

A actividade retomaráse o sábado 19 de setembro, ás 20.30 horas, con Rebuldeira Teatro e a obra Vermello. A compañía mestura elementos dramáticos e de comedia nunha historia na que aparecen tanto personaxes históricos como figuras de ficción e persoas anónimas.

Entre os nomes que forman parte da montaxe atópanse Manuel Díaz, coñecido como o médico dos pobres, Rafael de Vega e Francisco Franco, dentro dunha trama situada no contexto da Guerra Civil e construída arredor da relación entre memoria histórica e ficción teatral.

O peche do circuíto en Lugo chegará o domingo 20, ás 18.30 horas, con Tiruleque Grupo de Teatro e A conspiración da piolla. A obra traslada o público a un país imaxinario contemporáneo no que un grupo opositor ao poder prepara un atentado contra o gobernante que controla o réxime.

A través deste argumento, a compañía desenvolve unha comedia baseada na conspiración política, no exercicio do poder e nas relacións entre os seus protagonistas, dentro dun escenario ficticio.

O concelleiro de Cultura de Lugo, Javier Vázquez, sinalou que este tipo de programas permiten ampliar a oferta cultural da cidade e, ao mesmo tempo, facilitar escenarios nos que as agrupacións teatrais poidan presentar os seus traballos. O edil destacou tamén a participación de Achádego Teatro no desenvolvemento da iniciativa xunto coa Federación Galega de Teatro Amador.

As entradas para as catro representacións poderán comprarse na billeteira do Auditorio Municipal Gustavo Freire o propio día de cada función. Tamén estarán á venda previamente na Oficina Municipal de Turismo da Praza do Campo e a través da plataforma municipal entradaslugo.es.

+ posts

ÚLTIMAS

As XXXVII Xornadas Luis Asorey analizarán os potenciais terapéuticos dos recursos naturais

  O salón de actos do Pazo de San Marcos acollerá do 9 ao 19...

O Concello de Lugo reúne a comisión mixta sobre o saneamento da rúa Fermín Rivera

O goberno local quere coñecer en que punto se atopa o proxecto de saneamento...

O Concello de Lugo e as asociacións do Arde Lucus levarán a recreación histórica da festa á feira INTUR de Valladolid

Concello de Lugo levará o Arde Lucus á 29ª edición de INTUR, a Feira...

A Deputación participa na nova reunión da veciñanza do Courel arredor da castaña

  A Deputación de Lugo participou este sábado na XXXVII Festa da Castaña do Courel,...