InicioEconomíaO reitor da USC di que reducir a oferta do Campus Terra...

O reitor da USC di que reducir a oferta do Campus Terra “nunca” será unha opción

Universidade, Deputación e Concello amosaron a oposición a recortes na oferta do Campus Terra no marco da reestruturación que plantexa a Consellería de Educación

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Universidade de Santiago de Compostela rexeitará calquera proposta que resulte na redución da oferta do Campus Terra de Lugo. Así o confirmou o reitor Antonio López Díaz durante a sinatura dun convenio coa Deputación para atraer novos estudantes dotado con 385.000 euros. A autoridade provincial e mailo Concello amosaron tamén o rexeitamento a eventuais recortes nas titulacións en centros lucenses.

Nese senso, tanto o presidente da Deputación, Darío Campos, coma a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, trasladaron a súa inquedanza pola reestruturación auspiciada pola Consellería de Educación dentro do Sistema Universitario Galego. O propio reitor renegou do plan, iniciado en 2017, durante o mandado do anterior equipo directivo. López Díaz admitiu “discrepar” co plantexado e agarda “atopar solucións que  permitan reforzar aínda máis as potencialidades” do Campus Terra.

Na reunión de traballo entre estes tres entes, no que participou así mesmo a vicerreitora Montserrat Valcárcel, a posibilidade de supresión e traslado de catro graos de enxeñaría foi avaliada coma un escenario catastrófico para un espazo de alta especialización. Esgrimiu Méndez que “Lugo xa sufriu unha importante redución de titulacións, non podemos soportar máis”, sobre todo no caso de titulacións con “recoñecemento nacional e internacional, que son as espiña dorsal do Campus Terra”.

Lara Méndez, Darío Campos e Antonio López | USC

O Campus Terra representa “un revulsivo económico para Lugo”, en palabras de Campos. O presidente provincial apreciou que “os preto de cinco mil alumnos deixan tres millóns de euros ao mes na nosa provincia”, traballando en “grandes proxectos que son un pulo para os nosos sectores produtivos”.

Dende a Deputación trasladan que levan investidos “case 5 millóns” no Campus Terra dende o inicio do mandado, cun incremento nos fondos con respecto a lexislaturas anteriores. “Asumimos o 50 por cento dos custos da matrícula de 900 alumnos, construímos a Granxa Experimental de Leite e impulsamos o CEBIOVET, o Hospital Rof Codina, másters e cursos de verán”, gabou Campos. 

López Díaz quixo salientar “a constante colaboración da Deputación e do Concello de Lugo coa USC e co Campus Terra, que nunca nos cansaremos de agradecer”. Sobre a oferta de titulacións, o reitor afirmou que malia a revisión en curso, “nunca se vai optar pola redución da oferta educativa” no Campus Terra. “En todo caso, reformulala para facela máis atractiva, ou adaptala a posibles novas necesidades e á demanda laboral”.

Liñas mestras do convenio

USC, Deputación e Concello de Lugo amósanse contrarios á redución da oferta no Campus Terra | Deputación de Lugo
Deputación de Lugo

O convenio asinado servirá para ofrecer formación sobre emprendemento e divulgación científica. Dentro do Plan de Choque 2019, con 385.000 euros, contémplanse medidas para fomentar a afluencia de alumnado e promocionar o Campus Terra como destino universitario de alta especialización. Entre elas, un plan de bolsas para sufragar a metade dos gastos de matrícula de estudantes de primeiro curso en títulos de grao con problemas de demanda. 

Outras iniciativas acordadas neste eido afectan á posta en marcha de accións formativas encamiñadas a mellorar o coñecemento e a capacitación da lingua inglesa, tanto do colectivo docente e investigador como do resto do persoal do campus de Lugo; e o apoio á realización das prácticas de campo do alumnado, no estudantado de títulos de grao e nos universitarios sénior agromados no programa do IV Ciclo da USC.

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...