InicioCultura“Abrir aos adultos ao mundo do Apalpador é fundamental”

“Abrir aos adultos ao mundo do Apalpador é fundamental”

Lugo recibe ao Apalpador nunha gran celebración familiar que xorde da irmandade dos colectivos a prol da cultura e a lingua

PUBLICADA O

- Advertisement -

Este sábado 22 de decembro, a cidade de Lugo celebra a chegada do Apalpador cunha gran foliada a iniciativa de Semente Lugo, e que procura socializar esta figura alén do ensino. O proxecto educativo Semente conforma unha rede de escolas que recolle e continúa o labor das Escolas de Ensino Galego creadas a comezos do século pasado polas Irmandades da Fala.

María é membro de Semente Lugo, pero fala por todas as entidades participantes: a Mesa Pola Normalización Lingüística, Mádia Leva, A Volta do Agro, Cántigas e Frores, O’Xeito, Troupelear, Tradescola e Lucecús Teatro, así como as librarías Trama e Biblos, e a colaboración da Biblioteca Municipal, Concello e Deputación de Lugo.

Como explica María, o Apalpador “é unha figura que non só está presente no Nadal”, aínda que o seu protagonismo medra coa chegada do inverno, cando as condicións de vida eran máis duras. A escola Semente introduce esta personaxe entre os máis cativos, fomentando o interese polo xigante a través da creación de historias, tarefa na que “a imaxe axuda moito, porque para os máis pequeniños, asociar un concepto a unha imaxe faino todo”.

No que respecta á benvida, os organizadores agardan sobre todo pola xente que aínda descoñece a figura do Apalpador, porque están seguros de que aqueles que si saben do carboeiro do Courel pasarán por esta actividade con atractivo para toda a familia: obradorios de danza, música tradicional, correos para escribir a carta ao Apalpador –que traerá os presentes entre o 24 e o 31, cando baixe da montaña– recoñecemento de fauna e flora… “unha festa redonda” cos colectivos que traballan pola cultura e a lingua en Lugo.

Como é o proceso de introdución do Apalpador, que coexiste con figuras doutras culturas?

Falamos ás crianzas de que hai unha figura que é galega, que vive nas montañas próximas; no caso de Lugo, o temos máis fácil, porque falamos do Courel. Falamos do recoñecemento do entorno, da fauna e a flora do Courel, da dedicación do Apalpador, o xigante carboeiro.

Facemos preguntas para crear interese acerca de como se pode recoñecer toda a actividade do Apalpador. Ademais de apañar castañas, que fará durante todo o ano? Terá veciños? En que lingua falará? É descubrimento deles, espertamos ese interese para que non só sexan receptores de información, senón que descubran polos seus intereses.

Non se trata de substituír, senón de recuperar o que sempre foi noso.

Na benvida ao Apalpador hai un compoñente familiar.

Realmente o obxectivo é socializar unha figura que é nosa, que sempre o foi. Hai xente que recorda a figura, non como unha figura máxica, senón como un veciño; en cada aldea podía ser calquera que se vestía de Apalpador para recoñecer que non houbese fame, a razón pola que lle apalpaba as barriguiñas aos nenos, e que lles desexaba un ano de mantenza.

Nese sentido, o primeiro paso é recoñecer, coñecer e interesarse pola figura. Despois, que todos entendamos que se existe unha figura propia, non hai que recorrer a figuras foráneas. Coñecer o Apalpador nos achega moito máis coñecemento de nós propios e do entorno, que é común a nós todos, castañas, castiñeiros, o carbón, o medio rural –que está desaparecido do currículo infantil, por certo, algo que está presente na nosa vida e no que comemos–.

Segundo Luis Davila, O Bichero

Hai unha parte de longo percorrido vencellada tamén á difusión de bibliografía na Biblioteca Municipal e nas librarías.

Os adultos son os que, como pais e nais, lle ofrecemos un mundo ás nosas crianzas, se non o coñecemos, non o podemos ofrecer. A divulgación entre persoas adultas é fundamental, é abrilos a un mundo cultural noso, e non ao alleo.

A Biblioteca pareceunos esencial neste proxecto; e en canto ás librerías, escollemos as librarías Trama, porque ten moito traballo feito no lingüístico, e Biblos, unha libraría céntrica que soe facer presentacións e ten contacontos para as crianzas, cun público familiar.

Como valorades a unión do tecido cultural, o traballo conxunto das asociacións que coidan o patrimonio cultural?

Moi positivamente. A iniciativa partiu diso, de que non podía ser un só colectivo, tiñamos que ser moitos. É patrimonio cultural, e dentro do cultural, tamén o lingüístico. Queremos darlle esta oportunidade ás familias que non teñen contacto co galego, porque a base desta actividade tamén é a lingua; darlle a oportunidade á familias e crianzas non galegofalantes dunha realidade que tamén e súa.

En moitos contextos familiares non hai xa a transmisión oral, ou non hai contacto co rural facilmente. Afortunadamente en Lugo aínda queda moito disto; pero cidades coma A Coruña, que xa celebrou o Apalpador, non acontece, a transmisión de avós cara a netos foi cortada no que é o noso patrimonio cultural e lingüístico.

Elga Fernández Lamas

O aspecto festivo do recibimento, o ambiente de castañas e foliada, pode ser importante para atraer ao gran público.

É un ambiente de festa para celebrar a chegada do inverno. A castaña non está aí por acaso; de feito, o Apalpador poucas castañas frescas traía, eran castañas secas, que secaba no seu propio sequeiro. Podemos entender cal é todo o proceso da castaña no Courel: a castaña fresca en decembro xa non existe, e era secada para mantela durante todo o ano e podela cociñar.

A castaña vén co outono, e chega seca a través do Apalpador cando comeza o inverno, cando comeza unha época de fame. De aí a simboloxía de que o Apalpador estea preocupado pola mantenza das crianzas, por iso deixa esa presa de castañas para asegurar a mantenza durante todo o inverno.

O Apalpador, motorizado por Terras de Quiroga

ÚLTIMAS

Denuncian o estado ruinoso dunha ponte medieval, paso de peregrinos

Alertados por uns veciños, dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares acaban de comunicar á...

Descubrindo o cemiterio de San Froilán

Os cemiterios son unha desas infraestruturas que resulta imprescindible para calquera cidade. Cada vez os...

(Vídeo) Así quedou unha mámoa protexida en Navia de Suarna, cun gran buraco de case medio metro de profundidade

As asociacións solicitan ante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural que se realice unha...

O BNG insta o Senado a rexeitar o proxecto de Altri tras o “clamor social” manifestado en Palas de Rei

A senadora do BNG, Carme da Silva, defenderá esta semana unha moción no pleno da Cámara...