“As mulleres que aparecen cando rebuscas na historia adoitan ser de clase burguesa, pero as campesiñas, a servidume e as escravas son as esquecidas das esquecidas dentro da nosa historia”. Carolina Casal, investigadora, museóloga e xestora cultural, procura revisar o pasado cunha perspectiva feminista e de clase dende a que sacar do silencio a historia de todas aquelas mulleres rurais de Galicia que, se ben “soterradas” durante séculos, foron decisivas para o desenvolvemento do país.
No marco da segunda sesión das II Xornadas Pacegas organizadas pola Rede Museística da Deputación de Lugo, baixo o título de Soterradas: a vida tralos mantelos, da fortaleza ao pazo, Carolina Casal vén de ofrecer no Pazo de Tor, en Monforte, unha conferencia na que debullou a memoria oculta dos pazos e fortalezas galegas na Idade Media. Unha memoria que agora se volve máis visible grazas tamén á recuperación e posta en valor de sete estancias que habitaron as mulleres da servidume no Pazo de Tor. Procúrase, di a Deputación de Lugo, “incorporar a perspectiva de xénero e social ao discurso museográfico”.
Dise da Idade Media que foron uns séculos escuros nos que as mulleres non tiveron moito protagonismo nin participación na sociedade. Axústase isto á realidade?
Non se axusta para nada á realidade. Os eruditos da historia durante o século XIX encargáronse de afincar esa idea e destruír completamente a imaxe das mulleres. Xa na Ilustración, estableceron un dobre sistema educativo que colocou os homes no público e relegou as mulleres ao privado. Iso levou a que nos primeiros manuais, as mulleres xa non apareceramos, e chegou aos nosos días ese descoñecemento total da gran importancia que en todas as sociedades tiveron as mulleres. Foi a historiografía do século XIX quen nos borrou dun plumazo dos propios manuais.
Aqueles que viviron no século XIX escribiron os manuais seguindo un método de aprendizaxe no que as mulleres non existían
Por que aconteceu isto?
A institución do patriarcado créase máis ou menos hai 2500 anos a.n.e. nas sociedades mesopotámicas, e deixa ao home o dominio do relato histórico. Aqueles que viviron no século XIX escribiron os manuais seguindo un método de aprendizaxe no que as mulleres non existían. O lume é un exemplo. Elas sempre estiveron asociadas a el – controlábano no fogar, tiñan o coñecemento para facer cerámica -, pero a súa invención déixase en mans dos homes. A finais do século XX, cando nace a arqueoloxía feminista, empeza a facerse unha revisión de xénero e a investigar como influíron as mulleres na historia.
Isto é importante para desvelar todas esas realidades ocultas, non?
Efectivamente. Hai que ter en conta que ser muller implicaba non poder acceder a métodos de estudo que eran fundamentais. Con todo, se buscas en cada unha das épocas atoparás mulleres poderosas, que moveron gremios, bidrieiras, albaneis, arquitectas… Búscalas e están, pero o XIX borrounos na historia.
As mulleres si estivemos presentes na idade media, non só como damas de corte que fiaban e tecían, senón como mulleres desenvolvedoras das máis variadas profesións
Como foi logo a Idade Media para as mulleres?
Na Idade Media estamos dominadas polo home, igual que nesta sociedade na que vivimos segue habendo desigualdade, pero foi un momento no que as mulleres, pola contra do que nos teñen explicado, interviron nese boom económico que caracterizou a época, xa fora dentro da servidume e do campesiñado, ou desde a burguesía de cidade. E si estivemos presentes, que é algo que sempre se omitiu, non só como damas de corte que fiaban e tecían, senón como mulleres desenvolvedoras das máis variadas profesións e boísimas a moitos niveis.
Christine de Pizan, a primeira feminista da historia, cita moitas mulleres no seu libro ‘A cidade das damas’, entre elas, a Anastasia, unha ilustradora de manuscritos á que cualifica como a máis talentosa da súa época. E tamén no agro, na servidume, as mulleres xogaron un papel importante. Non só coidaban dos labores de mantemento e reprodución, que é o que sempre nos teñen outorgado, senón que coidaban o gando, ían á sementeira, á recollida, facían determinados empregos fóra da casa e eran traballadoras remuneradas. Elas realizaban a vendima na Ribeira Sacra.
Xustamente a través das Xornadas Pacegas procurades poñer o foco nesa memoria máis humilde.
Exacto. As mulleres que aparecen cando rebuscas na historia adoitan ser mulleres de clase burguesa con algún tipo de formación ou que destacaron por algo casual. As esquecidas totalmente na nosa historia son aquelas mulleres que, trasladadas ao noso tempo, poderiamos chamar as kellys. Agora coñecémolas porque xorden como poder de clase obreira que revindican os seus dereitos. Pero as mulleres campesiñas, servidume e escravas son as esquecidas das esquecidas. Por iso cómpre sacalas do silencio, do esquecemento e da destrución e poñelas en valor. Todas estas mulleres quedaron totalmente silenciadas dentro dunha historia que tamén protagonizaron.
O Pazo de Tor, de feito, abrirá ao público eses espazos esquecidos nos que as servas vivían. É un paso importante?
É un feito espectacular que un museo coma este poña en valor espazos que non están no Piano Nobile (piso nobre), senón que están nos baixos, aqueles espazos que as mulleres da servidume e campesiñas percorreron día tras día e nos que co seu traballo sacaron as facendas e a vida adiante, porque elas amamantaban moitas veces os fillos das señoras. E grazas a mulleres como Angelita, a última gardía do Pazo de Tor, que traballou como servidume da grande familia do Pazo de Tor no século XX, temos tamén unha memoria viva exquisita.
é fundamental que os espazos silenciados onde vivía a servidume se poñan en valor. Só entón comezará a cambiar o relato, porque se consegue unha visión máis completa do mundo
O feito de que moitos destes espazos das fortalezas estean pechados e esquecidos, ou pola súa contra, sexan abertos e dignificados, fálanos tamén do poder dos museos para xerar discurso.
Claro. O máis interesante é crear o relato. As investigadoras non contamos a historia, relatamos a historia. Por iso é fundamental que espazos silenciados como os dos pisos baixos – onde estaba o forno de pan, o tear e demais oficios da servidume -, se poñan en valor. Só entón comezará a cambiar o relato, porque se consegue unha visión máis completa do mundo, porque se ten en conta a estratificación social. Estamos dando voz e discurso a todas esas mulleres que viviron neses lugares. Por iso é importantísima a intervención da Rede Provincial de Lugo na posta en valor dos espazos da servidume, incluso para comprender mellor o funcionamento da propia edificación. Non todo é solaina, hai máis vida despois dela.
Na túa intervención nestas xornadas falas das servas dos castelos, pero tamén das servas encasteladas. Quen foron?
O termo serva designa a servidume, mais tamén aquelas mulleres que deixaron totalmente a súa vida para reservarse ao mandato divino. As servas encasteladas encarnan o último paso do proceso de doma e castración do Reino da Galiza por parte do poder castelán e español e Isabel A Católica, que inventou unha normativa para sacarlle ao monacato feminino o gran poderío económico e en terras que mantiña. Para xustificalo, dicían delas que eran malvadas, que non rexían ben a súa casa, acusábanas de beber viño na feira…
Eu teño tres mulleres especialmente na cabeza: a abadesa de San Miguel de Eiré, a abadesa de Lobios e a abadesa do mosteiro de San Paio de Albeos, en Crecente. Tres potentes mulleres ás que recluíron no Mosteiro de Antealtares, en Compostela. Algunha rubiu con sábanas para escapar de alí e volver á súa terra. O único que interesaba delas eran os seus foros. Deixaron caer as súas casas e moitos destes mosteiros, onde vivían en liberdade na época medieval, quedaron totalmente abatidos.