A edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua no Concello de Lugo, Maite Ferreiro, presentou a campaña “Lugo Km100”, que pretende ser “unha aposta seria para fomentar o turismo e pór en valor a cidade e os diferentes camiños a Santiago que a atravesan”.
“Son catro os camiños de Santiago que atravesan Lugo e, ademais, na cidade contamos con tres patrimonios da humanidade: a catedral, a curalla e o Camiño Primitivo“, indicou Ferreiro, quen engadiu que “isto fai de Lugo un atractivo turístico de primeira orde dentro do denominado turismo de interior co que moi poucas cidades poden competir”.
A edil nacionalista indicou que esta será a campaña que a área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua levará a Fitur, a Feira Internacional de Turismo que terá lugar en Madrid a finais de xaneiro do 2020. Ferreiro indicou que “o concello de Lugo está a 100 quilómetros exactos de Santiago de Compostela, a distancia mínima para obter a Compostelá”.
“Isto fai que Lugo poida ser un atractivo máis para as persoas que queiran facer o camiño por primeira vez, escapando da masificación do Camiño Francés ou como punto de partida dunha nova ruta”, indicou a responsable de Cultura, quen engadiu que “realizaremos accións que traballen para pór a Lugo no epicentro turístico do norte do estado”.
Ferreiro anunciou que a súa área está a traballar “en pór en valor e mellorar as infraestruturas e a estética do Camiño Primitivo ao seu paso por Lugo, mellorando entre outras cousas, a sinalización do camiño”, e engadiu que “para atraer camiñantes”, están a estudar a creación dun selo e credencial propios de Lugo. A edil nacionalista anunciou tamén que “dentro da programación cultural, realizaranse actividades para a promoción do Camiño Primitivo”.