Máis de 600.000 persoas visitaron Lugo durante tres días en xuño do 2017. E este ano, a cifra pode ser maior. Ou iso esperan no concello. Un turismo que en tres días deixa máis de 12 millóns de euros. Por iso, un ano máis quere ser o escaparate para atraer turismo español e internacional á cidade. Un atractivo máis que sumar á súa muralla, declarada Monumento Patrimonio da Humanidade.

Tal e como explicou Lara Méndez, o programa, que devolverá Lugo a 2.000 anos atrás, arincará o venres ás 16:00 horas, coa xa tradicional apertura simbólica das portas da cidade, a cargo da Guardia Pretoriana. Ese mesmo día terá lugar a entrada das lexións pola Ponte Romana, celebrarase unha ofrenda ás ninfas no Balneario, e disputarase, por segundo ano consecutivo, tanto o torneo de Harpastum como a carreira Muris Lvcis, romanos contra castrexos. Como novidades do venres, a Praza de Santa María acollerá un espectáculo sobre a fundación da cidade, no que participarán os colectivos de Lugo e que inclúe tamén danza e música romana, e a representación sorpresa Baixo a Sombra.
44 ASOCIACIÓNS
Para o sábado, esta edición do Arde Lvcvs ten unha proposta universal para o desfile das tropas romans e tribus castrexas. Participarán 44 asociacións de recreación histórica, xunto ao César e Caio Antistio. A maiores dos colectivos de Lugo (Guardia Pretoriana, Cohors III Lucensium, Cohors X Urbanae, Lucus Equites, Caetra Lucensium, Salesiani Luci Augusti, Vestais de Lucus Augusti, Senatus Lucus Augusti, Asamblearias, Ara Roma, Pax Romana, Civitas Lucenisis, Lugdunum e Son de LLugh, Tin Na N´og, Castronela, Clan de Breogán, Trebas Galaicas e Mercenarios Galaicos) achegaranse do resto de Galicia, de España, como por exemplo Astorga, Sagunto e Cartaxena; e do resto de xeografía internacional, entre eles Portugal, Italia, Rumania e Francia. Esta xornada tamén acollerá, ás 23:55 un espectáculo sorpresa na explanada do Pavillón Municipal, baixo o nome Divinium, e tamén o concerto do grupo instrumental de música celta Gwendal, dende a 01:30 horas, na Praza de Santa María. O terceiro día, como vén sendo habitual, será a quenda do desfile dos 21 colexios do municipio. Tamén habera unha homenaxe á muralla.
Non faltará nesta edición o circo romano, o asalto ao Medulio, animación de rúa, con música, teatro, bautizos e vodas romanas e castrexas ou obradoiros. Tamén se realizará o nomeamento de Civitas Honoris e a recepción das distintas lexións e tropas. Como nos últimos anos, haberá un intérprete de signos para moitas das actividades.
Tamén, dentro dun municipio e dunhas festas libre de agresións, haberá espazos de información segura: no Concello, no centro de convivencia Uxío Novoneyra, na Oficina Municipal de Turismo e museo municipais.
“As e os lucenses saímos á rúa a demostrar que, ademais de ganas de festa, estamos orgullosos do noso pasado, das nosas orixes, estamos orgullosos de Lucus Augusti”, subliñou a alcaldesa na presentación. “É unha cita que coloca Lugo no mapa nacional e internacional da recreación histórica“, continuou Méndez, quen asegurou que esta festa define a un Lugo pensado por e para as persoas, que emprega espazos públicos que foron recuperados para o seu uso público, como o Cantiño Nemesio Cobreros, Praza Horta do Seminario, Praza de San Marcos ou o Vello Cárcere.
IMPLICACIÓN DOS LUCENSES
A rexedora insistiu na implicación dos lucenses, unha das peculiaridades destes festexos, “a que nos fixo conseguir o pasado ano ser Festa de Interese Turístico Nacional, e coa que intentaremos, traballando xuntos, o recoñecemento internacional.”

De feito, lembrou que, se o Arde Lvcvs se fixo grande estes 17 anos, foi grazas á participación, ben do o conxunto da cidadanía luguesa, de axentes sociais, de colexios, de clubs deportivos, organismo privados a través do patrocinio, Deputación de Lugo, e por suposto, das 17 asociacións de Lugo, entre elas, a Lugdunum, Terra Copora e Tig Na N`og, polo seu décimo aniversario.
DESCONTOS
Un ano máis ofrceranse descontos para os que se acheguen os días previos do Arde Lvcvs e durantes os festexos a Lugo nos autobuses Alsa, dende o 12 ao 19 de xuño, un 25% de desconto, e Arriva, os días 15, 16 e 17 de xuño, un 10%. Esta festa tamén estará presente nos distintos trens polo territorio nacional.
O Concello destina máis de 260.000 euros ao Arde Lvcs, que constitúe un escaparate de Lugo. Ademais, a entidade local repartirá máis de 15.000 carteis e 45.000 programas, 25.000 en galego, 19.000 en castelán, e, por primeira vez tamén en inglés, unha tirada de 3.000.