InicioCulturaOs responsables do idilio entre Lugo e a música jazz

Os responsables do idilio entre Lugo e a música jazz

José Luis Díaz é un dos promotores do Festival de Jazz de Lugo, que esta semana celebra a súa vixésimo novena edición cun cartel cheo de "lendas vivas". Díaz cre que o éxito do evento reside en crear novos afeccionados a este tipo de música. "Os eventos culturais non se poden medir polo seu impacto económico, senón polo seu capital cultural", critica, en relación ao modelo de macrofestivais como o Caudal Fest.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Os saxofóns volveron tomar a cidade de Lugo durante esta semana, pero non cacharon desprevidos aos veciños. O almanaque cultural lucense vén avisando deste suceso anual dende hai case tres décadas: o Festival de Jazz de Lugo xa é un evento máis que consolidado.

José Luis Díaz, da asociación Escobijazz, é promotor do festival xunto a Alberto Grandío. Falamos con el no medio dunha semana repleta de propostas musicais que traerán a Lugo algunhas “lendas vivas” do jazz mundial. O público xa tivo a oportunidade de desfrutar de Andrea Motis, Airelle Besson ou The Dirty Dozen Brass Band, pero aínda quedan por diante actuacións tan agardadas como a de Ron Carter.


 

LUGO XORNAL: Como valoran o inicio desta edición? Foron ben os concertos da fin de semana?

JOSÉ LUIS DÍAZ: Ben, moi ben. O sábado vendemos todas as entradas, a sala estivo a rebentar e incluso quedou bastante xente fóra. O domingo, aínda que era día electoral, tamén foi moi ben. E máis chovendo como chovía! Seguramente a partir de metade de semana vaia estar a tope.

LX: Esta xa é a vixésimo novena edición do festival. Se botan a vista atrás, que cambios ven dende os primeiros anos? 

JLD: Cando comezamos non pensabamos chegar nin ás dez edicións. Eramos un grupo de amigos —case seguimos os mesmos— que montamos unha asociación cultural para promover o jazz. Fomos gañando apoio e medramos pouco a pouco. Os festivais adoitan depender dun concello, Deputación ou, ás veces, dalgunha empresa, pero nós sempre fomos un pouco libres nese aspecto. Tivemos apoios diversos, non dunha institución en exclusiva. Incluso nos axuda o INAEM [Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música, un organismo do Ministerio de Cultura e Deporte]. É raro que en Madrid apoien algo de Galicia, pero debémoslles caer simpáticos nós e o noso proxecto [ri].

LX: Esta evolución da que fala tamén se deu no que respecta á cantidade de público?

JLD: Totalmente. Os primeiros anos só organizabamos catro días de festival e era dificilísimo que se enchera algún concerto. Non había moito público. Pero, como ao principio a entrada era gratuíta, a xente empezou a achegarse. Moitos ían porque lles gustaba o ambiente, porque era un sitio onde tomar unha cervexa mentres ves un concerto… Así foron xurdindo afeccionados que ao mellor non van a ningún concerto en todo o ano, pero que esperan esa semana coma un acontecemento.

LX: O público que ía aos concertos deses primeiros anos seguramente tivera xa un interese previo no jazz pero, se cadra, o festival tamén foi unha oportunidade para achegar este tipo de música a máis xente.

JLD: Si, ao principio viña xente que escoitaba jazz habitualmente. Eu sei que agora temos un gran cantidade de público que non merca jazz nin o escoita con frecuencia, pero que si que lle gusta algo. A idea é que o programa sexa variado: que non haxa só jazz comercial —que sería a vía fácil para encher os concertos—, pero que tampouco todo sexa música máis elaborada ou intelectual. Penso que iso xa o conseguimos.

OUTRO MODELO DE FESTIVAL

LX: Pouco a pouco, en Lugo van xurdindo máis espazos que ofrecen música en directo. É un bo momento para o sector cultural da nosa cidade?

JLD: Aparentemente si. Está a programación do Ho Gruf, o Festiblas…, pero as propostas tampouco son dunha gran dimensión. Non sei ata que punto sería posible facer algo de maior investimento, pero polo menos estamos moito mellor.

LX: Ao falar da posibilidade de organizar algo a grande escala, vénse á cabeza o Caudal Fest e os comentarios negativos que afloraron en relación aos cartos que desembolsou o Concello para ese evento. Comparten a crítica?

JLD: Iso foi un investimento excesivo, directamente. Para min eses festivais non son iniciativas culturais. Son actos lúdicos, pero non estritamente culturais nin musicais. Creo que nesas citas pesan máis outro tipo de factores, aínda que a música estea de fondo.

“Os eventos culturais non se poden medir polo seu impacto económico, senón polo capital cultural que xeran”

LX. As institucións adoitan xustificar eses grandes investimentos aludindo ao impacto económico que producen os macrofestivais. De que maneira impacta o Festival de Jazz no tecido local?

JLD: Nós non cremos que os eventos culturais se teñan que medir polo seu impacto económico, senón polo capital cultural que xeran. Estas actividadades deben darlle á xente a oportunidade de ampliar o seu capital cultural, porque iso é algo que non se pode comprar. Ese é o verdadeiro impacto do Festival do Jazz.

Ademais, eu son moi crítico con todo o que se di sobre eses macrofestivais. Non creo que o Caudal Fest teña tanto impacto económico. A xente vai ao Caudal e non sobe a Lugo. Hai hoteis que teñen máis ocupación, claro, pero tampouco vexo que sexa para tanto. Tamén discrepo cando se di que eses festivais promoven o turismo da cidade na que teñen lugar. Todos coñecemos Benicàssim polo FIB. Fóra do festival, alguén se achega a coñecer Benicàssim? Penso que non.

LX: Entón, cómpre que as institucións reforcen a súa aposta por iniciativas máis modestas e que dinamicen Lugo durante todo o ano?

JLD: Si, falta apoio e planificación nese sentido. A programación cultural debería sustentarse nunha planificación participativa para que a xente presente as súas propostas e para que as institucións poidan coordinar todo iso. Estaría ben intentar que non se solapen eventos, mellorar o aproveitamento de recursos…, pero sen xerar tampouco unha competencia excesiva.

LX: Nese sentido, hai esperanza de que mellore o panorama coa chegada do BNG á área de Cultura?

JLD: A nosa relación coa área de Cultura é boa. Acaban de aterrar, pero todo o que lles formulamos funcionou perfectamente, así que estamos contentos.

LENDAS VIVAS DO JAZZ

“Unha entrada para algún dos concertos deste festival custaría seis veces máis en Berlín”

LX: Por ir pechando a conversa…, que poden avanzar acerca das actuacións que están programadas para o resto da semana?

JLD: Cada un ten os seus gustos, pero o xoves 14 vai estar Ron Carter, por exemplo, que actualmente é unha figura insuperable no mundo do jazz. É unha lenda viva! O venres 15 tamén hai un concerto fantástico, de primeirísimo nivel mundial: o de Larry Goldings, Peter Bernstein e Bill Stewart.

LX: Precisamente, unha das características do festival é que sempre trae artistas de renome estatal e internacional.

JLD: É que moitos deles teñen máis recoñecemento a nivel internacional ca en España! Aquí o jazz tampouco é tan coñecido. Unha entrada para algún dos concertos deste festival custaría catro veces máis en Barcelona, e seis veces máis en Berlín. Aínda así, o público confía no noso criterio. Son moitos anos!

 

ÚLTIMAS

Deteñen a unha muller de 71 anos por introducir droga no cárcere de Monterroso

A Garda Civil de Lugo detivo a unha muller de 71 anos acusada dun delito de tráfico de...

A Policía Local de Lugo identifica a dous mozos facendo pintadas e a outro que esnaquizaba coches a fartar

A Policía Local de Lugo identificou a dous mozos sorprendidos mentres realizaban pintadas na mañá de...

Lugo realiza case 900 rexistros de rede de sumidoiros para controlar as pragas urbanas

O Concello de Lugo levou a cabo un total de 870 rexistros de rede de sumidoiros en nove...

A xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, Medalla de Ouro ao Mérito en Belas Artes 2024

A produtora cinematográfica Chelo Loureiro e a xerenta da Rede Museística Provincial de Lugo,...